Luz verde en Miño ao relevo no Servizo de Axuda no Fogar

ACoruñaXa
Miño adxudica o SAF á fundación FEPAS por 1.162.314,88 euros anuais e busca pechar unha etapa marcada por incidencias, queixas e a rescisión do contrato anterior
MIÑO concello
Imaxe de Noelia Uceira
23 Mar 2026

A Xunta de Goberno Local de Miño aprobou, en sesión extraordinaria e urxente, a adxudicación do Servizo de Axuda no Fogar á fundación FEPAS por un importe anual de 1.162.314,88 euros. O acordo queda agora pendente do prazo legal de 15 días hábiles para a presentación de recursos, aínda que o Concello confía en que o cambio permita deixar atrás os problemas que afectaron ás persoas usuarias, ás súas familias e ao persoal nos últimos meses.

A decisión chega despois dunha etapa especialmente convulsa para o servizo. En xaneiro, o Concello de Miño resolveu o contrato coa concesionaria que viña prestando a atención a domicilio tras acumularse incidencias desde a entrada en funcionamento do novo contrato en decembro. Aquel paso produciuse nun contexto de críticas pola prestación e de denuncias sindicais por presuntos incumprimentos que, segundo a CIG, afectaban tanto ás condicións laborais como á atención ás persoas usuarias.

A nova adxudicación dá continuidade ao procedemento urxente activado a comezos de febreiro para acelerar a substitución da empresa e recuperar a normalidade. O proceso espertou unha notable expectación no municipio, ata o punto de que a mediados de marzo eran cinco as firmas que optaban ao contrato, mentres seguían visibles as protestas veciñais e as queixas polo funcionamento do SAF.

0.12219285964966