Luz verde en Cambre para completar o paseo da ría e unir os tramos con Oleiros
O pleno do Concello de Cambre aprobou por unanimidade a moción presentada por Alternativa dos Veciños, que solicita á Dirección Xeral da Costa e o Mar a contratación urxente das obras necesarias para finalizar o paseo marítimo na ría do Burgo. O obxectivo é completar os tramos pendentes entre Cambre e Oleiros, de modo que a cidadanía poida desprazarse de maneira continua e segura a pé ou en bicicleta por todo o borde litoral, conectando así os paseos marítimos de ambos municipios.
A proposta responde ao desexo de ofrecer á veciñanza de Cambre e Oleiros un itinerario sostible e ininterrompido, que permita circunvalar a ría do Burgo e facilitar unha futura conexión co Concello da Coruña mediante o paseo litoral, cando se complete o tramo nas Xubias e A Pasaxe. Esta conexión, en palabras de Alternativa dos Veciños, estaba contemplada no proxecto inicial de recuperación da ría, que incluía unha inversión de 37,5 millóns de euros para o dragado e mellora do entorno, pero que, segundo a moción, deixou sen resolver varios tramos que impiden a continuidade do paseo.
A moción fai fincapé en que, ao rematar as obras, a propia Dirección Xeral da Costa e o Mar anunciou que o paseo litoral estaba "todo transitable", mais actualmente hai dous treitos de escasos metros sen conexión: un na zona limítrofe entre Cambre e Oleiros e outro no interior deste último municipio. “Resulta incomprensible que, tras un investimento de tal magnitude, queden por acometer estes tramos menores en custo pero cruciais para a mobilidade da comarca”, subliñou Alternativa dos Veciños. Esta desconexión afecta especialmente aos habitantes de Cambre, que se ven privados de poder usar o paseo para acceder a lugares como Santa Cristina ou a Ponte da Pasaxe de xeito seguro e sostible.
A ruptura deste percorrido non só afecta aos centos de persoas que usan o paseo para o lecer, senón tamén á cidadanía que precisa unha alternativa á estrada N-VI para os seus desprazamentos en bicicleta ou vehículos de mobilidade persoal. A moción de Alternativa dos Veciños denuncia que, na actualidade, non é posible viaxar desde O Graxal ata A Pasaxe ou Santa Cristina sen que o itinerario se vexa interrompido, impedindo un uso accesible e seguro da infraestrutura.
Co respaldo de todos os grupos municipais, Cambre insta así á Dirección Xeral da Costa e o Mar a que dea resposta á demanda veciñal de completar o paseo litoral para garantir un acceso contínuo e seguro para toda a comarca.