Luz verde ao Terceiro Plan de Igualdade de Culleredo

ACoruñaXa
O Concello aproba tamén a nova ordenanza de administración dixital para modernizar os seus servizos
Casa_do_Concello_Culleredo
30 Out 2024

O Concello de Culleredo aprobou no pleno ordinario de onte o seu III Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes, un proxecto clave para fomentar políticas de igualdade e previr a violencia de xénero. Este plan inclúe diversas medidas en áreas como a educación, a igualdade laboral, e a corresponsabilidade, orientadas a promover o desenvolvemento integral da comunidade e garantir a atención inmediata ante situacións de violencia de xénero.

A voceira do goberno local, Marta Figueroa, sinalou que o Concello mantén o seu compromiso cun cuádruple obxectivo: mobilizar ás mulleres para a súa participación social e defensa de dereitos, sensibilizar á cidadanía sobre as inxustizas de xénero, fomentar a concienciación masculina e evitar que a infancia perpetúe roles tradicionais. O Plan contou cos votos favorables de PSOE, PP e Alternativa dos Veciños, mentres que o BNG optou pola abstención.

Nova Ordenanza de Administración Electrónica e Designación do Comité de Expertos

No mesmo pleno, aprobouse a ordenanza de administración electrónica, que establece un marco para regular o uso de medios dixitais no Concello. A ordenanza adapta a normativa aos aspectos técnicos da sede electrónica, como a firma e certificados dixitais, procedementos de tramitación, xestión documental e protección de datos. Esta medida foi apoiada polo PSOE, PP e Alternativa, co BNG novamente en abstención.

Ademais, designáronse os membros do comité de expertos que avaliarán as ofertas presentadas na licitación do contrato de limpeza de edificios municipais e centros educativos. O equipo estará composto por tres profesionais do ámbito técnico, procedentes do Concello da Coruña e do Consorcio As Mariñas. O acordo foi aprobado polos votos do goberno local, mentres que a oposición optou pola abstención.

0.19804310798645