Luz verde á nova ordenanza de terrazas en A Coruña para ordenar o espazo público e reforzar a accesibilidade

A Xunta de Goberno Local aprobou a nova ordenanza municipal de terrazas, que actualiza a normativa para adaptala ao crecemento destes espazos na hostalaría nos últimos anos. O texto pasará agora polo pleno antes da súa aprobación definitiva.
O Concello resume a reforma en tres grandes obxectivos: protexer o descanso veciñal, garantir mobilidade e accesibilidade (evitando invasións do espazo peonil) e reforzar a harmonía estética, especialmente en contornas emblemáticas e con protección urbanística.
A principal novidade práctica é que se simplifican os trámites: a licenza e a autorización de ocupación tramitaranse xuntas baixo unha única figura, a ‘licenza de terraza’, para facer máis áxil o proceso e dar maior seguridade ao sector.
A norma tamén introduce condicións máis estritas para as terrazas situadas en ámbitos protexidos (PXOM e, sobre todo, PEPRI), con limitacións de materiais e cores e restricións adicionais en puntos singulares como María Pita, A Marina-Montoto, O Parrote ou a Cidade Vella.
En canto aos horarios, establécense peches diferentes segundo a zona: un réxime xeral e outro máis reducido para áreas declaradas de saturación acústica (ZAS/ZPAE/ZEP), co obxectivo de minimizar molestias por ruído.
Entre outras medidas, créase unha Mesa de Terrazas con participación dos grupos políticos, regúlase a posibilidade de instalar terrazas en prazas de estacionamento en rúas con condicións concretas, e implántase a obriga de mostrar a licenza e o plano autorizado mediante un código QR. A ordenanza inclúe tamén un réxime sancionador con multas de 1.000 a 10.000 euros por incumprimentos.