Luz verde á licitación do novo contrato de Nostián: 25 anos para xestionar e remodelar a planta de residuos

ACoruñaXa
O Concello estima o valor do concurso en case 585 millóns de euros e fixa dous anos iniciais de transición antes de 23 con instalación renovada
Imaxe aérea da planta de residuos de Nostián
13 Jan 2026

O Concello da Coruña aprobou a saída a concurso do novo contrato para a remodelación e a xestión da Planta de Tratamento de Residuos de Nostián, unha licitación a 25 anos que combina a modernización integral das instalacións coa explotación completa do servizo. A decisión foi avalada esta mañá pola Xunta de Goberno Local, segundo informou en rolda de prensa o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage.

O contrato, cun valor estimado de case 585 millóns de euros e un orzamento anual inicial de 9,5 millóns, establece unha folla de ruta en dúas fases: os dous primeiros anos corresponderán a un período de transición, mantendo a explotación da planta actual, e os 23 seguintes desenvolveranse xa coa instalación renovada e remodelada.

O executivo local apunta que o obxectivo é avanzar cara a unha xestión máis eficiente e ambientalmente responsable, incrementando a recuperación de materiais e mellorando os índices de reciclaxe. Lage defendeu que a planificación busca “aumentar a recuperación de materiais, mellorar a calidade do compost, reducir rexeitamentos e maximizar a produción de biogás”, aplicando as Mellores Técnicas Dispoñibles da Unión Europea e orientándose a un modelo de economía circular.

A licitación inclúe a remodelación da planta e tamén a explotación dos puntos limpos e do vertedoiro clausurado. As obras e melloras correrán a cargo da empresa concesionaria e incorporan actuacións propostas polos servizos municipais e polo persoal da propia planta, como o acondicionamento de viais, a ampliación do estacionamento con teitos e sistemas gratuítos de recarga para vehículos híbridos e eléctricos, novos vestiarios, a adaptación de dependencias administrativas e talleres, novas áreas de almacenamento para produtos recuperados e máis espazo para voluminosos.

Ademais, os pregos prevén investimentos adicionais ao longo da concesión: nos anos 10 e 19 deberán xustificarse melloras por 2,5 e 5 millóns de euros, respectivamente. A adxudicataria tamén terá que redactar o proxecto básico e o construtivo con metodoloxía BIM. A remodelación abrangue, entre outras actuacións, unha nova liña de tratamento, novas naves de compostaxe, a ampliación da biometanización e melloras no tratamento de aire e lixiviados, así como intervencións en dixestores, na EDAR e na planta de gas.

No apartado dos puntos limpos, o Concello lembra que actualmente existen catro instalacións fixas (dúas orientadas ao sector industrial preto de Pocomaco e Agrela, e dúas de achega voluntaria nos Rosais e Eirís) e un punto limpo móbil. Co novo contrato incorporarase un segundo punto limpo móbil e tamén se esixirá á contratista que propoña melloras nos recintos fixos, por exemplo en peches perimetrais para reforzar a seguridade fóra do horario de persoal.

O Concello sinala que hai marxe para mellorar a recuperación e valorización: en 2021, Nostián recibiu máis de 171.000 toneladas de residuos, das que 152.700 se consideran tratadas e arredor de 155.000 estarían suxeitas ao canon no novo contrato. O prezo previsto nos dous primeiros anos será de 98,96 euros por tonelada e, a partir do terceiro, de 115 euros por tonelada ou o importe ofertado. As fraccións de poda, papel-cartón e vidro non terán custo, e o pago mensual axustarase mediante o coeficiente Kmes, vinculado ao rexeitamento e á recuperación real.

Unha vez se publique a licitación no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE), abrirase un prazo de 20 días para posibles alegacións sobre aspectos de sostibilidade do contrato. Despois, e tras a súa resolución, haberá 45 días naturais para presentar ofertas. Os pregos establecen tamén que as empresas licitadoras deberán visitar obrigatoriamente as actuais instalacións de Nostián.

⚙ Configurar cookies
0.088820934295654