Luis Yang gaña o I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego con 'Sunny 16'
O I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2023-2024, promovido pola Asociación Cultural Autobán co apoio do Concello da Coruña, xa ten gañador. Luis Yang alzouse co galardón grazas á súa obra "Sunny 16". O xurado especializado do certame, composto pola historiadora da arte e investigadora María Gil, o ilustrador e profesor Brais Rodríguez, e o libreiro especializado Toño Vilaverde, decidiu tamén outorgar un accésit con diploma a Gemma Pérez pola súa obra "Mi nick era #humeda".
Este premio, que busca recoñecer o mérito dos creadores independentes galegos, recibiu un total de 57 proxectos, dos cales 54 foron considerados válidos. Ademais das dúas obras premiadas, os fanzines "Macheta 7" da Asociación Artístico-cultural Huhú e Asociación Teixo, "Así somos" de Raquel Montero, e "sólo una vez más" de Aisha Rey foron seleccionados na rolda final. Todas as obras presentadas estarán dispoñibles para o público na Expofanzines, que se celebrará no festival Viñetas desde o Atlántico 2024 no Palexco da Coruña do 12 de agosto ao 30 de setembro.
O I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego consta dunha dotación económica de 1.250 euros e un trofeo creado pola escultora, deseñadora e pintora de modelos en producións de Stop Motion Laura Pazos. Nesta primeira edición, Aisha Rey, gañadora do Combate de Debuxantes de Autobán 2023, foi a encargada de pintar o trofeo para convertelo nunha peza única.
En palabras da Asociación Autobán, “esta mostra, e o palmarés en particular, ofrecen unha precisa radiografía dun movemento vizoso e inclasificable, sorprendentemente ecléctico e militante, que trata todo tipo de temáticas adultas con multitude de técnicas e enfoques. Botando un ollo a estas páxinas, evidénciase unha certeza: estas artistas chegarán lonxe, hai canteira en Galicia (e en galego). Esperamos con ilusión que o Premio Autobán se manteña e que, edición a edición, a colección de fanzines da Coruña non deixe de medrar e documentar os cambios e transformacións dun medio orgullosamente mutante, desbordante de imaxinación e con potencial para seguir explorando”.