Lucía Veiga e Luz Casal inauguran hoxe as Festas de María Pita

GaliciaXa | ACoruñaXa
A Coruña dá comezo a un mes de celebracións coa apertura de Mostrart e da Feira do Libro e un reforzo especial do servizo de autobuses
Imaxe das festas de María Pita na Coruña
1 Aug 2026

A Coruña dá hoxe o pistoletazo de saída ás Festas de María Pita, que encherán a cidade de música, cultura e actividades durante todo o mes de agosto. O programa arrinca co pregón da actriz coruñesa Lucía Veiga e o concerto de Luz Casal, primeira gran actuación das celebracións.

Lucía Veiga, presidenta da Academia Galega do Audiovisual e unha das intérpretes máis recoñecidas da escena galega, será a encargada de abrir oficialmente as festas desde o balcón do Palacio Municipal de María Pita. A actriz, natural dos Mallos, foi candidata aos Premios Goya polo seu papel en Soy Nevenka.

Tras o pregón, Luz Casal subirá ao escenario da praza de María Pita para presentar 'Me voy a permitir', o seu novo espectáculo. A artista ofrecerá un repertorio no que combina diferentes estilos musicais e inaugurará unha programación que converterá A Coruña nun dos principais referentes culturais do verán.

A xornada coincide tamén coa apertura de Mostrart, que celebra a súa 42ª edición nos Xardíns de Méndez Núñez. Ata o 30 de agosto, máis de 65 artesáns participarán nesta feira de referencia da artesanía galega, que incluirá obradoiros gratuítos, visitas guiadas e actividades para todos os públicos.

No mesmo espazo abre tamén as súas portas a Feira do Libro da Coruña, que reunirá 38 librarías galegas ata o 10 de agosto. A ilustradora coruñesa Bea Lema, Premio Nacional do Cómic, será a encargada de pronunciar o pregón inaugural dunha cita que contará con presentacións, encontros literarios e sinaturas de autores.

Con motivo do inicio das festas, o Concello activará desde esta noite un dispositivo especial de autobuses, con reforzos nas principais liñas urbanas ao remate dos concertos da praza de María Pita para facilitar os desprazamentos da cidadanía.

PROGRAMA

0.11888217926025