Luchi, adestradora do Sarval Arteixo, entra no programa estatal de alto nivel da RFEN

ACoruñaXa
Lucía Leiro, coñecida como 'Luchi', participará o 22 de maio na primeira xornada formativa no Centro Acuático Inacua Málaga
ARTEIXO entrenadora sarval
14 May 2026

A adestradora do Club Natación Sarval Arteixo Lucía Leiro Lois, 'Luchi', foi incluída na convocatoria do Programa de Desarrollo de Entrenadores/as de Alto Nivel da Real Federación Española de Natación. A técnica arteixá acudirá o vindeiro 22 de maio ao Centro Acuático Inacua Málaga, onde se desenvolverá a primeira xornada desta iniciativa formativa.

A presenza de Leiro supón un recoñecemento ao traballo técnico que se realiza no club e sitúa o Sarval Arteixo nunha convocatoria na que participan adestradores de diferentes entidades e federacións do conxunto do Estado. Na listaxe oficial figuran tamén outros representantes galegos, como Borja Álvarez, do Fluvial de Lugo; Luisa María Domínguez, da Federación Galega; e Laura Aneiros, do Club Marina Ferrol.

O programa da RFEN está deseñado para reforzar a preparación dos técnicos vinculados á natación e ás augas abertas, especialmente no ámbito do alto rendemento. A federación sinala entre os seus obxectivos identificar adestradores con proxección para futuros ciclos olímpicos, mellorar a súa formación en contornas de esixencia competitiva e fomentar o intercambio de ideas e métodos de traballo entre profesionais.

A edición de 2026 inclúe tres xornadas presenciais ao longo do ano e a asistencia ao Congreso AETN. Tras a primeira parada en Málaga, o calendario previsto contempla novas sesións nos centros nacionais de Madrid-Blume e Sant Cugat.

Desde o club arteixán celebraron a convocatoria da súa adestradora, que afronta esta experiencia como unha oportunidade para seguir medrando no ámbito técnico e trasladar ese aprendizaxe ao día a día da entidade.

0.07564902305603