Licitan a urbanización de Pedralonga para os afectados polas expropiacións do novo hospital da Coruña
A Xunta vén de licitar hoxe por máis de 3,5 millóms de euros a urbanización residencial da zona de Pedralonga, que acollerá aos particulares afectados polas expropiacións necesarias para a execución do Novo Hospital Público da Coruña.
Trátase dunha das actuacións recollidas no Proxecto de Interese Autonómico do Novo CHUAC, que ten como obxectivo favorecer a recolocación dos particulares expropiados pola ampliación do novo complexo sanitario. Deste xeito, ofrécese unha alternativa á mera compensación económica ao poñer á súa disposición parcelas edificables para facilitar que poidan dispoñer dunha nova vivenda.
A urbanización do sector residencial de Pedralonga sae a licitación por 3,5 millóns de euros, e tamén sae a concurso o servizo de control e vixilancia, e coordinación da seguridade e saúde da obra por 314.683 euros. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 13 de setembro e a adxudicación dos traballos está prevista para novembro, de xeito que poderían comezar a finais deste ano ou principios do 2025. Teñen un prazo de execución de doce meses.
As actas de ocupación dos terreos de Pedralonga levantáronse en xaneiro de 2024 e, no que se refire ás vivendas, foise avanzando e se están asinando acordos para as expropiacións. Nos casos das persoas propietarias que optaron pola reubicación, entregaráselles unha parcela xa urbanizada en Pedralonga como parte da compensación pola expropiación. A futura vivenda será construída polos particulares, unha vez se lle entregue a parcela.
A urbanización residencial prevista en Pedralonga acada 29.075 m2 de superficie na zona situada entre a avenida de Pedralonga-Monserrat e a avenida da Pasaxe, ao sur dos edificios do Oncolóxico. Proxéctase unha urbanización residencial na que terán cabida 17 novas vivendas, todas de tipoloxía unifamiliar illada, á que se reservan 6.888 m2 edificables.
Así mesmo, contará con 2.936 m2 de zona verde, 70 m2 edificables de zona comercial, 2.599 m2 de equipamento público e 70 prazas de aparcadoiro, 34 de titularidade pública e 36 privadas
A zona articularase en torno a unha rúa de nova apertura concibida como un viario de tráfico moi lento e de residentes, en plataforma única compartida, co obxectivo de dar preferencia aos peóns.
Esta actuación en Pedralonga preservará o patrimonio histórico e cultural, así como a integración paisaxística. Para iso, inclúense medidas que contribuirán a mellorar a experiencia por parte dos peregrinos no trazado do Camiño Inglés a Santiago, ampliando o itinerario peonil na avenida de Pedralonga-Monserrat ata os 6 metros, con plantación de arborado ao longo do percorrido.
Tamén se dotará o itinerario dun novo pavimento acorde aos valores para protexer, preservaranse as vistas sobre a ría e proxectarase unha urbanización de calidade, visible desde o itinerario.