Licitada por 8,2 millóns de euros a rehabilitación de 8 edificios en Ourense, A Coruña, Viveiro, Ribadavia e Tui

AMariñaXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Habilitaranse un total de 25 vivendas públicas no casco histórico dos cinco concellos
María M. Allegue presenta as novas actuacións do plan Rexurbe
María M. Allegue presenta as novas actuacións do plan Rexurbe
10 Jan 2025

A Xunta vén de licitar hoxe  cun orzamento de 8,2 millóns de euros a execución das obras de rehabilitación de 8 edificios nos centros históricos de Ourense, Tui, Ribadavia, A Coruña e Viveiro, que permitirán a creación de 25 vivendas públicas. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, presentou estas actuacións, que se realizan ao abeiro do programa Rexurbe e destacou o investimento de 7,4 millóns de euros de fondos propios da Xunta para estas rehabilitacións licitadas hoxe, que recibirán tamén 793.389 euros de fondos europeos MRR, o que supón un 9,6% do orzamento.

A conselleira lembrou que, xunto á construción de vivenda de promoción pública e o desenvolvemento de solo para facilitar a construción de vivenda protexida e libre, a rehabilitación de inmobles é outro piar das políticas de vivenda da Xunta. Así, a través do Rexurbe, promove rehabilitacións en centros históricos para logo cualificar as vivendas resultantes como públicas e ofrecelas en alugueiro accesible a persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda. “É un proxecto que ademais de facilitar o acceso á vivenda, axuda a recuperar e dinamizar os centros históricos, e tamén incentiva á iniciativa privada para a recuperación destes conxuntos”, indicou.

María M. Allegue destacou que a Xunta traballa para que as 25 vivendas licitadas hoxe “poidan ser unha realidade” no vindeiro ano 2026, tendo en conta que as empresas poden presentar ofertas ata o 24 de febreiro e o prazo estimado de execución de obra é de 15 meses. En concreto, os inmobles cuxas rehabilitacións se licitan inclúen un edificio en Viveiro, entre as rúas Rosalía de Castro e Fernández Victorio para habilitar 3 vivendas, cun investimento de 1,5 millóns de euros dos que 141.355 euros son fondos MRR.

En Ribadavia saen a licitación os traballos en 3 edificios para un total de 9 vivendas. Dunha banda, rehabilitarase 1 edificio para 5 vivendas na praza García Boente; cun investimento de 1,7 millóns de euros dos que 226.818 euros son fondos MRR. E en 2 inmobles en Cervantes e praza San Xoán habilitaranse 2 e 2 vivendas respectivamente, cun orzamento de licitación de 990.892 euros.

En Tui, as actuacións acometeranse en 1 inmoble para crear 3 vivendas na rúa Bispo Castañón, cun investimento de 1,3 millóns de euros dos que 150.000 euros corresponden a fondos MRR. Ademais, na Coruña, licítase a rehabilitación de 1 edificio na rúa San Andrés para habilitar 4 vivendas, por 1,3 millóns de euros

E os outros 2 inmobles cuxas obras se licitan sitúanse nas rúas Pelaio e na praza Manuel Sueiro de Ourense, nos que se obterán 6 vivendas. No caso deste último edificio habilitaranse 5 vivendas e no da rúa Pelaio 1. O investimento acada 1,9 millóns de euros dos que 275.236 euros son fondos MRR.

A conselleira explicou que a duración estimada das obras, unha vez adxudicadas, será de 15 meses e aproveitou para destacar as restauracións que se realizarán en Ourense, onde os edificios nos que se actuará están actualmente en ruína e abandono. Na cidade, xa se entregaran con anterioridade outras 5 vivendas procedentes doutras rehabilitacións en 2 inmobles.

María M. Allegue fixo balance do programa Rexurbe en Galicia e indicou que desde a posta en marcha desde proxecto son 94 os inmobles adquiridos pola Administración autonómica, cos que se prevé crear 167 vivendas nos concellos de Ourense, Tui, Mondoñedo, Lugo, Ribadavia, Viveiro, A Coruña, Vilalba, Ferrol, Betanzos e Ribadeo.

Dos citados 94 inmobles, 18 están xa rehabilitados, con 33 vivendas en Ourense, Betanzos, Ferrol, Mondoñedo o Lugo, e outros 10 atópanse e obras na actualidade. O investimento da Xunta ata agora, entre adquisicións, proxectos, obras e licitacións, acada os 30 millóns de euros, a meirande parte (28,6 millóns de euros) de fondos da Xunta e o resto (1,39 millóns de euros) procedentes de fondos europeos MRR, que axudarán a financiar 24 das 167 vivendas previstas.

0.12789511680603