LG1DO lidera un cartel de luxo para converter O Burgo Fest nunha gran festa de música urbana

GaliciaXa | ACoruñaXa
O festival reunirá o 12 de setembro a Noex, Borja Solla, Nyan Boe, Mark Adams, Cotelo e Ariax nunha xornada gratuíta de electrónica, urbano e reguetón
CULLEREDO o burgo fest
1 Sep 2026

A música urbana e electrónica volverá ter protagonismo na área metropolitana cunha nova edición de O Burgo Fest, que se celebrará o vindeiro 12 de setembro na explanada do Burgo. O festival contará cun cartel formado por varios artistas e DJ vinculados á escena urbana galega e ofrecerá acceso gratuíto ao público.

O gran reclamo desta edición será LG1DO, nome artístico de Saúl Rodríguez Maroñas, que encabeza un cartel pensado para os afeccionados á música urbana, electrónica e reguetón.

O artista de Santa Comba converteuse nunha das novas promesas do urbano galego con temas como Non me Culpes ou Vouche Enseñar a Amar. Con só 18 anos, supera xa os 200.000 oíntes mensuais en Spotify, consolidándose como un dos nomes emerxentes da escena musical galega.

Un cartel con música urbana e electrónica

Xunto a LG1DO, a programación contará coa actuación da DJ rioxana Noex, unha das propostas destacadas da xornada.

O cartel complétase con Borja Solla, Nyan Boe, Mark Adams, Cotelo e Ariax, que ofrecerán diferentes sesións e propostas musicais ao longo do festival.

A explanada do Burgo volverá así converterse no escenario dunha cita que aspira a reunir miles de persoas e que permitirá prolongar a programación musical do municipio máis aló dos meses de xullo e agosto.

O Burgo Fest abrirá un mes con máis música

O festival será ademais o primeiro dos dous grandes eventos musicais previstos no Burgo durante setembro. Unha semana despois, o 18 de setembro, chegará a quenda do CullerRock, que completará a programación musical do municipio durante este mes.

Con ambas as citas, o Concello busca manter a actividade cultural e musical durante as últimas semanas do verán e ofrecer propostas dirixidas a públicos e estilos diferentes.

0.12650799751282