LesCoruña celebra este venres 26 de abril o Día da Visibilidade Lésbica con actividades na cidade

ACoruñaXa
A asociación organiza unha charla divulgativa e un concerto da cantante e activista Rocío Saiz e a banda indie coruñesa Leria
Imaxe do grupo coruñés Leira e a cantante Rocío Saiz
22 Apr 2024

A asociación LesCoruña, coa colaboración do Concello da Coruña, celebrará o 26 de abril o Día da Visibilidade Lésbica con dúas actividades: unha xornada divulgativa e un concerto da cantante e activista Rocío Saiz e a banda indie coruñesa Leria.

Neste sentido, o venres 26 de abril entre as 19.00 horas e as 20.30 horas o Círculo de Artesáns da cidade acollerá unha xornada divulgativa sobre a importancia de poñer en valor as necesidades das mulleres lesbianas, reflectidas na primeira análise global sobre a diversidade sexual en Galicia, impulsado polo Consello da Cultura Galega. No encontro intervirán Raquel Pedraja, relator da Lei Trans e Conselleira Técnica do Ministerio de Igualdade, Carme Adán, filósofa e membro do Consello da Cultura Galega e as activistas Lorenza Machín e Carmen Cazorla.

Un concerto de artistas lesbianas visibles

Para rematar a xornada, ás 22.30 horas a Sala Garufa será o escenario dun concerto dunha artista e unha banda comprometidas coa diversidade sexual: Rocío Saiz e as coruñesas Leria. As entradas están á venda por 10 euros (socias de LesCoruña, gratis) en Woutick.

Rocío Saiz é unha cantante, actriz, e activista recoñecida polo seu labor de visibilización no ano 2022 por parte da Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Trans e Bisexuais (FELTGB). Publicou dous discos caracterizados polo seu estilo electropop.

Pola súa banda, Leria é un grupo indie que canta en galego, formado hai dous anos por catro coruñesas na vintena: Mayra Vila (voz e guitarra), Helena Barreiro (batería e coros), Itzi de Blas (baixo e coros) e Andrea López (teclado e coros). Teñen dous sinxelos publicados e un primeiro disco, Marusía, publicado a finais de marzo deste ano.

A Asociación de Mujeres pola Igualdade e Visibilidade Lésbica da Coruña, LesCoruña, é unha entidade sen ánimo de lucro que naceu en 2018 para impulsar distintos encontros e actividades que promovan a diversidade na cidade. Calquera pode asociarse a través da web.

Neste 2024 LesCoruña foi elixida pola entidade EuroCentralAsian Lesbian* Community como asociación de mulleres LBTI de referencia a nivel europeo para difundir o activismo en España, grazas a un proxecto cofinanciado pola Unión Europea.

LesCoruña organiza distintas accións periódicas como os encontros mensuais 'Unha habitación propia', pensados para visibilizar a mulleres emprendedoras, o Coro Coruña Cores, creado en 2022 e dirixido por Pablo Méndez, ou a xornada anual de Diversidade Afectivo Sexual que xa celebrou dúas edicións, a de 2021 con foco na literatura e a de 2022 centrada nas series de televisión.

0.17682409286499