Lenny Kravitz actuará na Coruña o 10 de abril coa súa xira Blue Electric Light
O recoñecido músico de rock e gañador de catro premios Grammy, Lenny Kravitz, actuará por segunda vez na Coruña o 10 de abril de 2025, dentro da súa xira mundial Blue Electric Light. O concerto celebrarase no Coliseum e será unha das tres únicas paradas do artista en España, sendo a única cita no noroeste peninsular.
Esta será a cuarta vez que Kravitz actúe en Galicia e a segunda na cidade herculina, despois do seu aclamado concerto de 2012, ao que asistiron máis de 8.000 persoas. A presenza do artista reforza a aposta do goberno de Inés Rey por traer grandes eventos musicais internacionais á cidade, ofrecendo concertos de primeiro nivel á súa cidadanía.
A xira europea de Lenny Kravitz, que se desenvolverá entre o 22 de febreiro e o 14 de abril de 2025, inclúe actuacións en recintos emblemáticos como o Wembley Arena de Londres ou La Défense Arena de París. As entradas para o concerto na Coruña estarán dispoñibles a partir do 24 de outubro ás 10:00 horas e poderán adquirirse en liña a través de Live Nation, Ataquilla, Ticketmaster e El Corte Inglés, así como fisicamente na billeteira da praza de Ourense. Estará limitado a seis entradas por persoa.
O álbum Blue Electric Light, lanzado o 24 de maio de 2024, é o duodécimo traballo de estudo de Lenny Kravitz e o artista está a percorrelos principais escenarios do mundo para presentalo. Ademais das novas cancións, Kravitz interpretará os seus maiores éxitos, que lle permitiron gañar numerosos premios e unha base de fans global.