Laura Raposo toma o relevo de Gonzalo Méndez como concelleira do BNG de Culleredo
Gonzalo Méndez, concelleiro do BNG en Culleredo dende 2019, vén de presentar a súa renuncia á acta municipal por motivos profesionais que fan incompatíbel a súa dedicación á política local. O seu posto será ocupado por Laura Raposo, veciña da Fonte da Balsa, en Vilaboa, e traballadora do sector téxtil.
Méndez explicou que a súa marcha está motivada pola necesidade de emigrar para buscar un futuro laboral digno. “Como tantas persoas na Galiza, véxome obrigado a deixar a miña terra, e isto impídeme continuar co traballo municipal que merece a veciñanza de Culleredo”, sinalou. Afirmou que agarda poder regresar no futuro e ver un Culleredo gobernado polo BNG.
Laura Raposo, que xa viña colaborando co traballo social do BNG no municipio, tomará posesión do cargo en canto se tramite a súa incorporación. A nova edil declarou que traballará por “crear un maior sentimento de comunidade cullerdense” e reivindicou a importancia de escoitar as necesidades da veciñanza. “A unión entre a xente é un valor desbotado polo actual goberno municipal e hai que recuperalo”, afirmou, destacando o seu carácter loitador e reivindicativo.
Raposo sumarase ao equipo municipal do BNG, formado por Tono Chouciño, Beatriz Pérez e Xabier Villarrenaga, con quen seguirá defendendo as demandas da cidadanía cullerdense. Entre os seus compromisos figura a aposta por iniciativas que poñan en valor o patrimonio local, como a declaración da Fonte da Balsa como Área de Rehabilitación Integral, causa na que xa participara activamente.