La Vuelta Femenina deixará cortes puntuais en Arteixo antes de coroar etapa na Coruña

Arteixo será un dos puntos destacados do paso da terceira etapa de La Vuelta Femenina, a gran cita do ciclismo feminino que este martes, 5 de maio, unirá Padrón coa Coruña nun percorrido de 121,2 quilómetros. O municipio recibirá o pelotón na parte final da carreira, nun tramo clave antes da entrada na cidade herculina e da chegada situada na avenida da Habana, na contorna de Riazor.
O paso das ciclistas por Arteixo está previsto aproximadamente entre as 16.15 e as 17.15 horas. A carreira atravesará Chamín, Barrañán, o núcleo urbano de Arteixo, Oseiro, Pastoriza e Meicende, polo que se despregará un dispositivo especial para ordenar a circulación e garantir a seguridade tanto das corredoras como do público.
A Policía Local, Protección Civil e a Garda Civil de Tráfico coordinarán os cortes, que se realizarán de maneira progresiva e por tramos segundo avance o pelotón. As interrupcións da circulación terán unha duración aproximada de entre dez e quince minutos en cada punto, aínda que dependerán do ritmo da carreira e do paso da comitiva de apoio.
Desde o dispositivo de seguridade pídese á veciñanza que extreme a precaución, respecte as indicacións dos axentes e evite acceder á calzada durante o paso das corredoras. Tamén se recomenda planificar os desprazamentos con antelación durante a tarde, especialmente nas zonas polas que discorrerá a proba.
Tras deixar Arteixo, a carreira continuará cara á Coruña pola contorna de Meicende e avanzará por diferentes vías urbanas ata a liña de meta. Na cidade, as restricións serán tamén progresivas e temporais ao paso da proba, cunha duración aproximada de entre 15 e 30 minutos en cada tramo.
O principal punto de afección na Coruña será a avenida da Habana, onde estará situada a chegada. Esta vía permanecerá cortada desde primeiras horas da mañá para permitir a montaxe da infraestrutura da meta e o desenvolvemento da chegada. Ademais, haberá limitacións de estacionamento nas zonas afectadas, cambios puntuais no transporte público e restricións nos accesos ao parque de Bens durante o paso da carreira.