La Tania estrea esta noite en Galicia o seu directo no festival Noites do Porto

ACoruñaXa
A gañadora do Premio Goya actúa por primeira vez na comunidade no Garufa Club, nunha velada que tamén contará co coruñés Gitano de Palo
A CORUÑA la tania noites do porto
25 Jun 2026

A Coruña acolle esta noite unha das citas máis destacadas da programación de Noites do Porto coa segunda proposta do ciclo Noites de Flamenco e Jazz. O Garufa Club será o escenario do debut en Galicia de La Tania, unha das artistas máis singulares da música de raíz e do pop contemporáneo, que chega á cidade tras conquistar o Premio Goya 2025 á Mellor Canción Orixinal por Los Almendros, tema principal do documental La guitarra flamenca de Yerai Cortés, dirixido por C. Tangana.

A artista alacantina presenta por primeira vez en Galicia as cancións de Amoríos. La verdad de mi coplilla, o seu álbum de debut, producido por C. Tangana, Yerai Cortés e nusar3000. O traballo combina a tradición con sons actuais e ofrece unha visión íntima e renovada da música popular.

Tras a publicación deste primeiro disco, La Tania continuou ampliando o seu repertorio con novos lanzamentos como Palace, producido tamén por Yerai Cortés e nusar3000 e inspirado no ambiente festivo dos anos 2000, ademais do recente sinxelo Lo quiero, publicado este mesmo mes de xuño xunto a Carlos González.

A apertura da velada correrá a cargo do músico coruñés Kiko Evia, que sobe ao escenario baixo o nome artístico de Gitano de Palo. O artista presentará Alaiar, un disco gravado en Lavapiés no que fusiona os ritmos do flamenco coa electrónica e a cultura de club. O álbum foi producido por Gorka Molero e mesturado por Alberto Pérez, enxeñeiro distinguido cun Latin Grammy polo seu traballo con C. Tangana e que tamén colaborou con artistas como Morcheeba, Rodrigo Amarante ou Kase.O.

As portas do Garufa Club abriranse ás 20.30 horas para unha noite que marca o regreso da programación de Noites do Porto ás salas da cidade tras as primeiras actuacións celebradas en Jazz Filloa e no peirao de Batería.

O festival continuará nos próximos días con concertos de Barry B e Vera Fauna o venres no peirao de Batería, The Horrors o sábado no Inn Club e Ellis·D e Apolo18 o domingo na Sala Mardi Gras, ademais do inicio das sesións de Noites nos Bares.

PROGRAMA NOITES DO PORTO

0.12806296348572