Kerbaol conquista a meta coruñesa de La Vuelta Femenina

ACoruñaXa
A terceira etapa da carreira chegou á avenida da Habana tras 121 quilómetros desde Padrón, nunha xornada na que Franziska Koch conservou o liderado da xeral
A CORUÑA vuleta ciclista
6 May 2026

A Coruña converteuse en escenario do ciclismo internacional coa chegada da terceira etapa de La Vuelta Ciclista Femenina 2026. A proba, que partiu de Padrón, completou un percorrido de 121 quilómetros ata a meta instalada na avenida da Habana, onde numeroso público se concentrou para presenciar o desenlace da xornada.

A vitoria foi para a francesa Cédrine Kerbaol, do EF Education-Oatly, que sorprendeu ao grupo cun ataque no último quilómetro e conseguiu cruzar a liña de chegada en primeira posición. Pola súa banda, a alemá Franziska Koch, do FDJ United-SUEZ, mantivo o liderado da clasificación xeral tras entrar no grupo principal.

A etapa discorreu con normalidade e tivo a súa entrada na cidade pola contorna de Meicende e Bens. Desde alí, o pelotón continuou polo paseo marítimo e atravesou puntos como San Roque de Fóra, o Paseo de Ronda e a avenida de Bos Aires antes de afrontar os últimos metros na avenida da Habana.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, participou na entrega de premios e destacou a resposta da cidadanía ante a chegada da carreira. 'A Coruña volveu demostrar que está preparada para acoller grandes eventos deportivos e que existe unha importante afección ao ciclismo e ao deporte feminino', sinalou.

A chegada de La Vuelta Femenina reforza a aposta municipal pola promoción do deporte feminino e pola organización de citas deportivas de ámbito estatal e internacional. A xornada, retransmitida en directo por RTVE, situou de novo á cidade no foco dunha competición de primeiro nivel.

0.12053203582764