Juanfran Martínez asume a Presidencia de Alternativa Enxebre tras o primeiro proceso electoral interno

ACoruñaXa
A formación constitúe en Arteixo unha Comisión Executiva de 16 integrantes, con maioría feminina, e inicia unha nova etapa tras deixar atrás a dirección provisional
ARTEIXO alternativa enxebre juanfran martinez
6 Oct 2026

Alternativa Enxebre inicia unha nova etapa coa elección de Juanfran Martínez Canosa como presidente da formación, despois da celebración da súa Asemblea Xeral Ordinaria na sede de Arteixo. O encontro serviu para culminar o primeiro proceso electoral interno desde a creación da organización e para dotala dos seus novos órganos de dirección.

Martínez, que viña desempeñando a Presidencia de maneira provisional desde a fundación de Alternativa Enxebre, encabezou a única candidatura presentada e recibiu así o respaldo da militancia para continuar á fronte do proxecto, agora cun mandato resultante dun proceso electoral interno.

A nova Comisión Executiva está formada por 16 persoas. Xunto ao presidente estarán Sandra Lema, na Vicepresidencia; José Raúl Gómez, na Secretaría Xeral; María del Carmen Cedeira, na Secretaría de Organización; Vanesa Barral, na Secretaría de Comunicación; e Noelia Martínez, na Tesouraría. O equipo complétase con dez vogais.

Un dos aspectos destacados pola formación é a presenza das mulleres no novo órgano de dirección. 11 das 16 persoas que integran a Executiva son mulleres, o que supón preto do 69 % do total. Ademais, varias delas ocupan postos de responsabilidade dentro da estrutura, como a Vicepresidencia, as secretarías de Organización e Comunicación e a Tesouraría.

Martínez reivindicou esta composición como unha expresión práctica do compromiso da organización coa igualdade y o feminismo. O presidente defendeu que estes principios deben trasladarse tamén ao funcionamento interno e á participación nas estruturas onde se toman as principais decisións.

A Asemblea serviu igualmente para constituír a Comisión de Control, Garantías e Dereitos, un órgano independente da Executiva que estará integrado por Manuel Domingo Gómez, como presidente; Adrián Mosquera, como secretario; e Manuel González e Francisco Martínez, como vogais.

Coa elección destes órganos queda pechada a fase provisional coa que Alternativa Enxebre iniciou a súa actividade política. A formación asegura que afronta agora unha etapa centrada en consolidar a súa estrutura, incrementar a súa presenza e continuar incorporando militantes e simpatizantes.

Durante a súa intervención tras ser elixido, Martínez agradeceu o apoio recibido e puxo en valor o traballo desenvolvido pola militancia desde a creación da organización. Tamén animou o novo equipo a manter a actividade nos municipios nos que a formación ten presenza, tanto desde as responsabilidades de goberno como desde a oposición.

O presidente insistiu, ademais, na independencia política e económica de Alternativa Enxebre. Segundo explicou, a organización financia o seu funcionamento mediante as cotas dos militantes e as achegas dos simpatizantes, unha fórmula coa que pretende manter autonomía á hora de adoptar decisións e definir as súas prioridades.

Entre os principios que Martínez asegurou que seguirán guiando a formación está a defensa dunha Administración pública 'legal, honrada e transparente', na que o interese xeral estea por riba doutros intereses. Nese sentido, afirmou que Alternativa Enxebre manterá a mesma posición con independencia de que lle corresponda gobernar ou exercer a oposición.

Martínez tamén aproveitou a súa intervención para reivindicar o labor realizado pola formación a pesar da súa limitada representación institucional. Segundo sinalou, Alternativa Enxebre conseguiu impulsar propostas, fiscalizar a actividade das Administracións e defender intereses veciñais contando con recursos limitados.

A nova dirección considera que a evolución da organización desde a súa creación avala a decisión de apostar por un proxecto político propio. Coa constitución dos órganos elixidos, Alternativa Enxebre pretende reforzar a súa estrutura e afrontar os próximos retos con maior organización, mantendo, segundo trasladou o seu presidente, a independencia coa que naceu a formación.

0.18150281906128