José Pernas, Ricardo Pardo, Diego González Rivas e o Deportivo reciben as Medallas de María Pita 2024
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu onte a segunda cerimonia de entrega das Medallas de María Pita, promovida pola Real Orde de Cabaleiros de María Pita. A rexedora estivo acompañada polo mestre da Real Orde, José Enrique Duarte. Nesta edición, os galardóns foron concedidos no ámbito social a José Pernas, presidente de Renacer; no ámbito cultural a Ricardo Pardo Gato, presidente da Asociación de Historia e Cultura Militar do Noroeste; no ámbito da ciencia a Diego González Rivas, médico; e no ámbito deportivo ao Real Club Deportivo.
“Hai que celebrar a aposta desta Real Orde por seguir creando novidosas formas de recoñecer o traballo a prol da Coruña, así como a difusión dos nosos valores históricos”, sinalou a alcaldesa durante a súa intervención. As persoas e entidades galardoadas recibiron unha medalla cun deseño do escultor José Castiñeiras, cuxo fillo estivo presente no acto. “As tres persoas e a institución ás que esta tarde rendemos homenaxe pertencen ao mellor da coruñesía, en campos tan diversos como o da solidariedade, a historia, a saúde ou o deporte. En todos eles somos unha cidade líder, grazas en boa medida ao seu labor”, dixo Inés Rey.