Jorquera acusa a Inés Rey de ter "descoidado o día a día do Concello"
O portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, respondeu ás declaracións realizadas pola alcaldesa, Inés Rey, a respecto do posicionamento do grupo municipal nacionalista sobre os orzamentos de 2025.
Fronte á afirmación de Rey, que suxeriu que o BNG debe explicar á cidadanía por que decidiu non negociar os orzamentos, Jorquera sinalou: “Dedicamos practicamente toda a sesión plenaria do pasado luns a explicar a nosa posición. Lamentamos, iso si, que o streaming do Pleno non funcionase, o que impediu á veciñanza seguir en directo o debate e escoitar as nosas explicacións”.
Para suplir esta carencia, o BNG organiza un novo encontro aberto á cidadanía baixo o título Fío Directo, o terceiro desta lexislatura. Celebrarase este xoves, ás 19:00 horas, no Salón Enseada do Hotel Riazor. “É un acto público e aberto para todas as coruñesas e coruñeses. Se a alcaldesa quere asistir e mesmo formular preguntas, por nós encantados”, engadiu Jorquera.
Sobre a idea, difundida en certos medios, de que Inés Rey tomará agora as rendas da situación no Concello, Jorquera foi irónico: “Eu pensei que o mando xa o tiña”. O portavoz nacionalista apuntou, ademais, que un dos problemas do actual Goberno local é que a alcaldesa concentra gran parte da súa axenda na representación pública, descuidando o día a día da xestión municipal.