Javier Veiga e Xosé A. Touriñán protagonizan o 'western' turístico da Coruña
A Coruña aposta forte na promoción turística para 2025 coa presentación dunha nova campaña no Espacio Larra de Madrid, no marco da Feria Internacional de Turismo (Fitur). O acto, presidido pola alcaldesa, Inés Rey, e o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, puxo en valor a riqueza cultural, gastronómica e patrimonial da cidade, cunha curtametraxe como eixo central.
A peza audiovisual, titulada 'Al Noroeste del Oeste', está dirixida e protagonizada polo recoñecido cineasta e actor Javier Veiga, contando ademais coa participación do humorista Xosé A. Touriñán. Gravada en diversos espazos emblemáticos da cidade, a curtametraxe adopta unha estética e temática de western para mostrar, con humor, as principais fortalezas turísticas da Coruña.
Durante a presentación, a alcaldesa destacou que esta campaña busca seducir tanto a turistas como a profesionais do sector. "Queremos convidar a todo o mundo a gozar da nosa cidade, da nosa calidade de vida, da nosa gastronomía atlántica, do noso liderado cultural e económico, en definitiva, da nosa ‘Cultura de Vivir’", afirmou Inés Rey.
O evento tamén serviu para conmemorar o 175 aniversario das Festas de María Pita, un símbolo do carácter coruñés. Estas festas, creadas en 1850 polo alcalde Juan Flórez, foron pioneiras en honrar unha muller valente e representan unha das celebracións máis longas de España, cunha duración dun mes. Ademais, expuxéronse carteis históricos das festas e entregáronse láminas representativas aos asistentes.
Outro dos momentos destacados foi a intervención de Carolina Iglesias, humorista coruñesa e pregoeira das Festas de 2022, que compartiu a súa conexión coa cidade. A xornada pechouse cunha actuación especial do grupo Luar na Lubre, que celebrou o seu 40 aniversario interpretando varios dos seus temas máis icónicos.
A gastronomía coruñesa tamén foi protagonista grazas á participación de recoñecidos cociñeiros locais como Luis Veira (Árbore da Veira) ou Gorka Rodríguez (A Pulpeira de Melide), que levaron ata Madrid unha selección das súas creacións culinarias.
Finalmente, Inés Rey quixo destacar a versatilidade turística da Coruña, facendo énfase na desestacionalización. "A Coruña é un destino para todo o ano, grazas á nosa riqueza patrimonial, natural e cultural", asegurou.