Javier Caínzos, alcalde de Curtis, reclama a adhesión da Coruña á fronte común para salvar Losán

ACoruñaXa
O alcalde de Curtis pide a Inés Rey que o Concello coruñés se sume ao acordo impulsado por oito municipios para reforzar a presión sobre a SEPI e os ministerios de Industria e Economía ante a crise do grupo madeireiro
concello de curtis
17 Mar 2026

O alcalde de Curtis, Javier Caínzos, solicitou formalmente á alcaldesa da Coruña, Inés Rey, que o Concello herculino se incorpore ao acordo institucional promovido polos municipios máis directamente afectados pola crise do Grupo Losán. A petición busca ampliar o respaldo político e institucional a unha ofensiva conxunta para reclamar unha intervención urxente que permita garantir a continuidade industrial e o mantemento do emprego. Segundo trasladou Curtis no seu comunicado, o seguinte paso que se propón é que o Pleno coruñés avale esa posición e a faga chegar tamén aos representantes dos traballadores.

A iniciativa toma como punto de partida o documento asinado o 12 de xaneiro polos alcaldes e alcaldesas de Curtis, Vilasantar, Mesía, Sobrado, Oza-Cesuras, Boimorto, Melide e Irixoa. Nese acordo institucional, os municipios instaban ao consello de administración de Losán a presentar 'á maior brevidade posible' un plan de reactivación industrial sólido e real, reclamaban apoio unánime ao persoal e comprometían unha fronte común ante o Estado, a SEPI, o Igape e a Consellería de Industria para procurar unha solución financeira que asegure a viabilidade da empresa.

O movemento de Curtis pretende agora implicar tamén á Coruña porque o grupo mantén na cidade as súas oficinas centrais e o seu domicilio social, situados na rúa Casares Quiroga, segundo figura na información corporativa da propia compañía. Esa vinculación é a que Caínzos utiliza para pedir que a cidade non quede á marxe dun conflito que, aínda que golpea con máis forza ás plantas de Curtis e Vilasantar, tamén ten ramificación directa na capital coruñesa.

Coa carta remitida este martes, 17 de marzo a María Pita, Curtis trata de converter ese bloque comarcal nunha alianza máis ampla, sumando o peso político da maior cidade da provincia a unha reclamación que xa non se formula só en clave local, senón como defensa dun grupo industrial estratéxico para boa parte do tecido económico coruñés. A resposta do Goberno local da Coruña marcará agora se esa fronte institucional gaña un novo apoio nun momento decisivo para o futuro de Losán.

A maiores, o comité de empresa convocou para mañá, mércores 18 de marzo, ás 12.00 horas, unha concentración diante da Casa do Concello de Curtis, en Teixeiro, para reclamar o cobro das nóminas pendentes e unha saída industrial para a planta. A mobilización chega despois de que a representación do persoal pedise unha reunión urxente á Xunta e á SEPI tras dar por fracasado o chamado 'Plan A' de reestruturación e denunciar a falta de concreción sobre o 'Plan B'.

 

0.11772704124451