Jaime Pena é nomeado director da Filmoteca de Galicia

ACoruñaXa
O experto en cinema asumirá a dirección do organismo para impulsar a programación, a pedagoxía e a conservación do patrimonio audiovisual galego
Jaime Pena Filmoteca de Galicia
27 Nov 2024

O experto en cinema Jaime Pena foi nomeado novo director da Filmoteca de Galicia, despois de máis de tres décadas desenvolvendo o labor de programador da entidade. O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou hoxe as instalacións na Coruña para felicitar persoalmente a Pena e recoñecer a súa “gran profesionalidade e compromiso coa difusión e conservación do noso patrimonio audiovisual”.

A Filmoteca de Galicia, con sede na Coruña, é un referente cultural dependente da Xunta que conta con instalacións como unha sala de proxeccións, unha mediateca e un arquivo fílmico. Jaime Pena terá agora a responsabilidade de liderar a configuración da carteleira de cine, as actividades pedagóxicas como os programas Cinema en curso e Fotografía en curso, e as accións de salvagarda e difusión do patrimonio audiovisual galego.

Ademais, Pena reforzará as relacións con entidades homólogas nacionais e internacionais, grazas á integración da Filmoteca na International Federation of Film Archives (FIAF). Este traballo inclúe a xestión ordinaria da entidade dentro da Axencia Galega das Industrias Culturais, dependente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Sobre Jaime Pena

Nado en Miño (A Coruña) en 1965, Jaime Pena é licenciado en Xeografía e Historia e doutor en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela. Como programador da Filmoteca de Galicia desde 1992, coordinou a programación anual cinematográfica e participou en actividades formativas e publicacións especializadas.

Profesor de posgrao en centros como a Universidade da Coruña e colaborador regular en revistas como Caimán Cuadernos de Cine, Pena tamén publicou libros sobre cinema, incluíndo El cine después de Auschwitz (Cátedra, 2020) e coautorías en proxectos como Cine Español. Otro trayecto histórico (IVAC, 2005).

A súa ampla traxectoria inclúe participacións en festivais internacionais, artigos en prensa e unha forte implicación na promoción do cine desde Galicia, consolidándoo como un dos referentes no estudo e na divulgación do audiovisual.

0.16339612007141