Isaac Rosón Sánchez-Brunete asume a dirección xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica

GaliciaXa | AMariñaXa | ACoruñaXa
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, presidiu a toma de posesión e desexoulle éxito no impulso da actividade marítimo-pesqueira en Galicia
Conselleira-do-Mar-Marta-Villaverde-e-Isaac-Roson-director-xeral-de-pesca-2025
30 Dec 2025

A Consellería do Mar de Galicia celebrou este martes a toma de posesión de Isaac Rosón Sánchez-Brunete como novo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica. A conselleira Marta Villaverde transmitiulle os seus desexos de “moitos acertos para seguir impulsando a actividade marítimo-pesqueira de Galicia”.

O propio Rosón agradeceu a confianza depositada no seu nomeamento e comprometeuse a continuar traballando en favor do sector. “É un compromiso que asumo con ilusión e responsabilidade”, afirmou, destacando que non chega de novo ao ámbito marítimo-pesqueiro, pois conta cunha sólida formación e experiencia no sector.

Licenciado en Enxeñería Naval e Oceánica pola Universidade da Coruña, Rosón desempeñou cargos relevantes, entre eles o de director da Área de Innovación Empresarial do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). Tamén traballou nos departamentos de Seguridade e Inspección Marítima das Capitanías de Alacante e Barcelona, onde mantivo contacto directo con armadores, tripulacións, confrarías e estaleiros.

A súa traxectoria profesional abrangue tamén a docencia universitaria como profesor asociado na Facultade de Náutica de Barcelona, ademais de experiencia no ámbito privado, participando en proxectos de deseño naval en diversas empresas do sector. Con esta combinación de experiencia pública, privada e académica, Rosón Sánchez-Brunete asumirá a responsabilidade de desenvolver políticas de innovación e sostibilidade no sector marítimo galego.

⚙ Configurar cookies
0.07642388343811