Irixoa pon en marcha os 'Xoves de coidados' con saídas terapéuticas ao balneario de Guitiriz

ACoruñaXa
O programa de envellecemento activo, en colaboración coa Deputación, ofrece unha xornada ao mes para persoas pensionistas de 60 ou máis anos con 30 prazas por sesión e un copagamento de 10 euros
novo-balneario-guitiriz
31 Jan 2026

O Concello de Irixoa, en colaboración coa Deputación da Coruña e no marco do 'Programa de Envellecemento Activo 2026', porá en marcha a iniciativa 'Xoves de coidados', un traslado terapéutico ao Balneario de Guitiriz pensado para fomentar o benestar físico, a saúde emocional e a convivencia.

A proposta está dirixida a persoas empadroadas no municipio de 60 ou máis anos que sexan pensionistas (por xubilación ou incapacidade), que non estean en activo e que conten con autonomía suficiente para as actividades da vida diaria. O Concello explica que a actividade estará supervisada dende os Servizos Sociais e que o uso do balneario será individual e nominativo.

O funcionamento inclúe a saída en autobús dende o Concello e a participación nunha sesión mensual no balneario. As datas programadas para 2026 son o 19 de febreiro, o 19 de marzo, o 23 de abril, o 21 de maio e o 25 de xuño.

A achega por persoa usuaria será de 10 euros por saída. As inscricións realizaranse nos Servizos Sociais do Concello do día 1 ao 5 de cada mes, en horario de 9.30 a 11.00 h, con prazas limitadas e adxudicación por orde de rexistro. Segundo a información facilitada, haberá 30 prazas por día.

irixoa xoves de coidados
⚙ Configurar cookies
0.079632997512817