Irixoa lanza un campamento de Nadal para os cativos do municipio

ACoruñaXa
O Concello organiza actividades como teatro, música, xogos e manualidades para nenos e nenas de 3 a 14 anos, fomentando a conciliación familiar
irixoa campamento nadal
21 Nov 2024

O Concello de Irixoa, a través do Plan Corresponsables 'Irixoa Concilia', oferta un campamento de Nadal pensado para os máis cativos do municipio, con idades comprendidas entre os 3 e os 14 anos. A proposta, que combina actividades educativas e culturais, inclúe xogos, manualidades, actuacións teatrais e musicais, ofrecendo unha alternativa lúdica durante as vacacións escolares e facilitando a conciliación das familias.

O campamento celebrarase do 23 de decembro ao 3 de xaneiro, en días laborables de luns a venres, no Polideportivo e na Biblioteca Municipal. O horario será de 9:30 a 14:00 horas, cun custo de 30 euros por participante, aínda que as persoas empadroadas en Irixoa gozarán dun desconto do 50%.

As inscricións están abertas ata o 12 de decembro e pódense realizar a través dun formulario en liña dispoñible neste enlace ou mediante a sede electrónica do Concello. Para máis información, as persoas interesadas poden contactar no teléfono 981 793 001.

Con esta iniciativa, o Concello reafirma o seu compromiso coa conciliación e co acceso dos nenos e nenas a actividades que fomenten o seu desenvolvemento persoal e social.

0.16374206542969