Irixoa acolle 'Emerxencias', unha proposta musical para impulsar a creación artística en galego

ACoruñaXa
O músico Xoán Curiel ofrecerá un concerto e un obradoiro de composición este 3 de xullo na Biblioteca Municipal dentro da Rede Cultural da Deputación da Coruña
IRIXOA biblioteca emerxencia
3 Jul 2026

A Biblioteca Municipal de Irixoa acollerá este venres, 3 de xullo, ás 12.00 horas, a actividade 'Emerxencias', unha proposta do músico Xoán Curiel dirixida a promover a creación artística emerxente en lingua galega.

A iniciativa combina un concerto cun obradoiro previo de creación de cancións, ofrecendo aos participantes unha experiencia participativa na que a música se converte nunha ferramenta para fomentar a creatividade e dar voz ás novas xeracións de artistas.

Segundo explica o Concello de Irixoa, a actividade busca empoderar ás mozas e mozos que forman parte da expresión artística emerxente en galego, creando un espazo de encontro no que compartir experiencias e descubrir o proceso creativo que hai detrás da composición musical.

'Emerxencias' forma parte da programación cultural impulsada polo Concello de Irixoa a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña, un programa que facilita a organización de actividades culturais nos municipios da provincia.

A cita será de acceso libre na Biblioteca Municipal e enmárcase na aposta do Concello por achegar propostas culturais de calidade e favorecer a participación da veciñanza en iniciativas relacionadas coa música e a creación artística.

0.12352299690247