?> Invístense medio millón nas actividades de museos, bibliotecas e centros de interpretación en ACoruñaXa

Invístense medio millón nas actividades de museos, bibliotecas e centros de interpretación

ACoruñaXa
As axudas da Deputación beneficiarán a 32 entidades culturais, que recibirán axudas de entre 3.750 e 33.750 euros
Imaxe da biblioteca da Deputación da Coruña
Imaxe da biblioteca da Deputación da Coruña
Redacción ACoruñaXa
24 abr 2024

A Deputación da Coruña inviste 499.206 euros no programa FO200/2024, de subvencións a fundacións e a entidades sen fins de lucro da provincia da Coruña titulares de museos, centros de interpretación ou bibliotecas, para o desenvolvemento de actividades culturais durante 2024. Son 32 as entidades beneficiarias, que recibirán axudas de entre 3.750 e 33.750 euros.

“Con este programa de subvencións”, explica a titular de Cultura, Natividade González, “procúrase incidir na protección e posta en valor dos bens que integran os fondos patrimoniais das entidades beneficiarias, e na realización de actividades e iniciativas culturais orientadas á súa divulgación e coñecemento social”.

Para a deputada, “o FO200/2024 forma parte da vontade do departamento de Cultura provincial de favorecer e impulsar o desenvolvemento de liñas de traballo directamente relacionadas coa construción dunha sociedade máis culta, igualitaria, inclusiva, respectuosa coa diversidade e atenta á realidade social e cultural da que formamos parte”.

“Estas axudas”, salienta, “impulsan a accesibilidade social, física e intelectual aos contidos culturais dos museos, centros de interpretación, bibliotecas e fundacións; apoian a diversidade cultural e lingüística; promoven a inclusión da perspectiva de xénero nas liñas de actuación; fomentan os proxectos de creación contemporánea en torno ao patrimonio cultural custodiado polas entidades; e desenvolven accións encamiñadas a situar eses espazos como institucións relevantes na expansión do turismo cultural”.

A relación dos beneficiarios e a contía das axudas está publicada no BOP do 24 de abril pode consultarse e descargarse na seguinte ligazón: Subvencións.