Invístense 976.000 euros na recuperación da Torre 6 do barrio coruñes de Monelos
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, visitou este xoves xunto ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o barrio coruñés de Monelos para coñecer da man dos seus impulsores o proxecto de rehabilitación da Torre 6, que acadou unha subvención de 976.000 euros dos fondos do Plan de Recuperación.
Pedro Blanco puxo en valor o traballo conxunto realizado polos veciños e veciñas, representados por Lito Lorenzo; a xestoría Arual, por Laura Marín, e o arquitecto técnico encargado do proxecto, Javier Martínez, para a consecución desta subvención que permitirá mellorar a eficiencia enerxética deste edificio, de 14 plantas e 56 vivendas situado no número 6 da avenida de Monelos.
A comunidade veciñal deste edificio de vivendas sociais conseguiu o 100% da axuda que solicitaran para mellorar a envolvente do edificio. A Xunta é quen concede esta subvención, como Administración responsable de xestionar os fondos do Plan de Recuperación transferidos polo Goberno para rehabilitación enerxética de vivendas, de 173 millóns de euros.
Coa subvención acadada, a comunidade veciñal acometerá as obras de illamento térmico das catro fachadas cunha solución SATE (siglas de Sistema de Illamento Térmico polo Exterior), que combina o emprego de material illante térmico cun revestimento de acabado decorativo. Xunto a isto, substituiranse as carpinterías exteriores (algunhas das ventás son de madeira), retirarase a cuberta de fibrocemento con amianto e cambiaranse todos os sistemas de evacuación de augas e as baixantes, nos que tamén hai presenza de amianto, por outros de PVC. Estas actuacións contribuirán a que o edificio sexa máis estanco e, polo tanto, non permita a entrada de frío no inverno nin a perda de enerxía.