Invístense 904.400 euros en contratar técnicos deportivos nos concellos da provincia
A Deputación da Coruña publica este venres no Boletín Oficial da Provincia a concesión provisional das axudas da área de Deportes para a contratación de persoal técnico deportivo nos concellos da provincia.
Neste 2024, a Deputación destina 904.400 euros para financiar este programa, que permitirá a 62 concellos da provincia contratar ou manter no seu cadro de persoal a técnicos deportivos que teñen como misión dinamizar a actividade deportiva dos municipios e planificar un calendario de actividades para todos os públicos.
O deputado responsable da área de Deportes, Antonio Leira, achegouse esta mañá ata Sada para supervisar no pavillón de deportes, na piscina e nas pistas deportivas da localidade algunhas das múltiples actividades realizadas na localidade ao abeiro desta liña de axudas.
Leira, que estivo acompañado polo alcalde de Sada, Benito Portela, a concelleira de Deportes, Rebeca Mouriño, e membros da corporación municipal, destacou que se trata dun programa que “contribúe de maneira directa á xeración de 62 empregos noutros tantos municipios da provincia” e, ademais, “facilita a realización de programacións deportivas con actividades variadas e estables, promovendo a práctica do deporte e a actividade física entre os veciños e veciñas de todas as idades nos concellos da provincia”.
A Deputación financia ata o 80% dos custes salariais (soldo e Seguridade Social) do persoal técnico deportivo contratado durante un ano, cunha achega máxima de 15.000 euros para aqueles municipios que optan pola contratación dun graduado universitario en Ciencias da Actividade Física e o Deporte que traballe a xornada completa. Os concellos poden contratar tamén técnicos superiores en Animación de Actividades Físicas e Deportivas e facelo a xornada completa ou media xornada, aboando sempre o 20% restante do salario.
Visita ao club Alamar de Sada
Na súa visita a Sada, Leira e Benito Portela visitaron tamén o Club Alamar, e interesáronse pola súa actividade para a promoción da vela lixeira no municipio e polo apoio que a Deputación lle presta a través das liñas de subvencións para a adquisición de material deportivo, como as dúas lanchas Zodiac coas que conta o club.
Alamar é unha das entidades beneficiarias dos cinco vehículos que a Deputación vén de conceder a outros tantos clubs de remo, piragüismo, vela e salvamento da provincia cunha achega total de 125.000 euros e que se publican hoxe no BOP. A furgoneta, de nove prazas, facilitará os desprazamentos dos deportistas e do material a competicións nas que participen.