Invístense 461.000 euros na reurbanización da rúa Andrés Pan Vieiro en Culleredo
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Culleredo e deputado provincial, José Ramón Rioboo, asinaron este venres o convenio de colaboración para executar o proxecto de mellora da seguridade viaria e a renovación de pavimentos na rúa Andrés Pan Vieiro.
O orzamento total desta actuación ascende a 461.940 euros, dos que a entidade provincial achega 250.000 euros, que supón o 54 % do total. O obxectivo principal desta actuación é o de mellorar a seguridade viaria da zona e dar dun maior protagonismo ao peón fronte aos vehículos a motor nunha zona eminentemente urbana.
A rúa en cuestión sitúase na malla urbana do Burgo, polo que conta cun tránsito de persoas moi elevado e considérase unha zona de especial importancia pola gran concorrencia de nenos e nenas debido a que no seu extremo sur se localiza o Conservatorio municipal de música. Ademais, na actualidade é un dos itinerarios naturais que seguen os veciños e veciñas do municipio cara o CEIP Isaac Díaz Pardo, o polideportivo de O Burgo, o campo de fútbol a Lavandeira e o centro de saúde de Acea de Ama.
“Con esta actuación contiuamos co proxecto de renovación e mellora das rúas de Culleredo, neste caso cun proxecto importante que afonda humanización deste espazo urbano, incrementa a súa accesibilidade e renova o alumeado público”, sinalou o alcalde, José Ramón Rioboo.
En primeiro lugar, cambiarase a orientación na disposición dos aparcamentos en oblicuo na marxe dereita, permitindo aparcar os vehículos marcha atrás a 60 graos e suprimindo as prazas de aparcamento sen o ancho suficiente.
Homoxeneizarase e incrementarase o ancho actual do carril rodado ata os 3,5 metros para permitir os estacionamentos de forma correcta. Unificaranse os accesos rodados aos garaxes e ás vivendas, deixando en situación de equilibrio toda a rúa. Substituiranse e recolocaranse os sumidoiros para p seu correcto funcionamento, incluíndo a colocación de tapias con bisagras antirroubo.
Adecuarase a rede de pluviais en certos tramos da obra, conectando os baixantes dos edificios á rede xeral e suprimindo as conexións á rede de fecais.
Outra das actuacións será a de crear un novo ámbito humanizado na contorna do Conservatorio, potenciado o lugar, dotándoo de novos pavimentos de formigón, elevándoo do vial, instalando unha nova iluminación, eliminando as prazas de aparcamento e substituíndoas por plantacións, árbores e mobiliario urbano.
Renovarase o mobiliario urbano, incluíndo a colocación de cubre contedores, usando materiais a base de residuos urbanos e redes de pesca, procedentes de residuos mariños autorizados.
Na actuación inclúense unhas novas plantacións e superficies axardinadas, executando unha nova rede de rega para o mantemento e a conservación das mesmas.
Instalarase unha nova rede de iluminación de tecnoloxía LED, retranqueando e acondicionando os apoios existentes e executando novas canalizacións e liñas eléctricas. Ademais, incluirase unha nova iluminación específica nos pasos de peóns.
Por último, realizarase a reforma da sinalización horizontal e vertical da rúa para adaptala á nova configuración proxectada, e renovaranse os pavimentos das beirarrúas e da estrada en xeral.
Mediante este conxunto de actuacións preténdese acadar a redución de gases de efecto invernadoiro a causa da velocidade dos vehículos. Ademais, a nova iluminación, xunto coa inclusión de zonas verdes, permitirá reducir as emisións de dióxido de carbono á atmosfera.