Invístense 290.000 euros na mellora da seguridade viaria na DP – 3108 en Culleredo

ACoruñaXa
As liñas de traballo desta execución aprobada pola Deputación van encamiñadas a ordenar o tráfico rodado e peonil
Deputación Pleno Coruña 2 feb
Deputación Pleno Coruña 2 feb
2 feb 2024

O pleno da Deputación da Coruña aprobou este venres no Pleno por unanimidade un investimento de 290.368 euros para as obras de mellora da seguridade viaria e renovación de pavimentos na estrada provincial DP – 3108 na rúa San Xiao, no Concello de Culleredo.

A execución desta obra irá dende o PQ 0 ata o PQ 0+320 desta rúa e as principais liñas de traballo van encamiñadas a ordenar o tráfico rodado e peonil, co fin de acadar unha harmonización e coexistencia entre eles e o espazo público. En primeiro lugar, procederase a aplicar unha minoración da velocidade de circulación dos vehículos a motor, incrementando a seguridade na zona.

Realizarase a rehabilitación do pavimento actual na calzada e nas beirarrúas, redefinindo as seccións en certos tramos do percorrido co obxectivo de optimizar a sección e mellorar a circulación. En canto á renovación do pavimento, hai dúas actuacións diferenciadas. Desde o PQ + 0 ao PQ 0+062 e desde o PQ 0+187 ata o PQ 0+320 está prevista a execución do firme en aglomerado e a construción das beirarrúas do primeiro dos tramos.

No tramo intermedio, que vai desde o PQ 0+062 ata o PQ 0+187, a causa da proximidade coas vivendas e os muros dos perímetros, non permite a execución de beirarrúas laterais, polo que se incluirá unha plataforma única compartida con bordos de lastra de granito.

A elección das pavimentacións da obra facilitarán unha percepción clara e sinxela do uso do tráfico. Foron seleccionadas alternativas de fácil mantemento, tendo en conta a duración e a integración co carácter da intervención.

Con isto, efectuarase unha mellora estética da zona utilizando materiais que, ademais de ser atractivos, sexan resistentes e duradeiros. Ademais, repoñeranse os servizos municipais afectados polas obras e, finalmente simplificarase a sinalización vertical e horizontal existente, adaptándoa ao novo escenario deseñado. Esta actuación mellorará as infraestruturas básicas do Concello de Culleredo, contribuíndo a humanizar un espazo moi concorrido e facilitando a circulación tanto dos vehículos como dos peóns.