Invístense 150.000 euros no programa de educación e divulgación ambiental do CEIDA

ACoruñaXa
O proxecto contará con charlas, obradoiros, visitas guiadas, exposicións itinerantes, formacións ou servizos de asesoramento ambiental tanto na súa sede co Castelo de Santa Cruz (Oleiros) coma nos concellos da provincia
Imaxe da Deputación e a Xunta de Galicia asinando co director do CEIDA a convenio
Imaxe da Deputación e a Xunta de Galicia asinando co director do CEIDA a convenio
6 may 2024

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o director do CEIDA, Carlos Vales, e a deputada de Medio Ambiente, Rosa Ana García, asinaron o convenio para cofinanciar o Programa de educación, capacitación, divulgación e participación ambiental para a transición ecolóxica ao longo do ano 2024.

No documento contemplase unha achega económica provincial de 150.000 euros, que supón o 80% do custo total da iniciativa, que se eleva ata os 187.500 euros.

O convenio recolle diferentes actividades relacionadas coa concienciación sobre emerxencia climática, lixo mariño e espazos naturais protexidos, ademais de promover iniciativas sobre capacitación para a transición ecolóxica, programas de divulgación ambiental, asesoramento e plans de comunicación.

“O CEIDA leva anos desempeñando un labor de formación medioambiental esencial toda a poboación, na que participan desde o alumnado dos centros educativos ata especialistas, profesionais e técnicos medioambientais”, sinalou o presidente da Deputación, que incidiu en que se trata “dun dos centros de referencia en educación ambiental a nivel estatal”. Ao mesmo tempo, a entidade pon en valor o patrimonio natural da provincia coruñesa

Un dato que nos achega unha idea da importancia do CEIDA é que durante o ano 2023 achegáronse atas súas instalacións máis de 41.000 visitantes.

Actividades do programa

A descrición das actividades responde principalmente a catro bloques: un programa de educación ambiental para unha transición ecolóxica, un programa de capacitación para unha transición ecolóxica, un programa de divulgación ambiental con exposicións itinerantes e un programa de asesoramento e de documentación ambiental.

Entre os obxectivos destacan o fomento de actitudes participativas na conservación de patrimonio, especialmente o mariño, presentando boas prácticas; invitar a colectivos, institucións e empresas que dan a coñecer aspectos históricos, patrimoniais e naturais do Castelo de Santa Cruz e a súa contorna; descubrir potencialidades que, para un desenvolvemento local sustentable, ten a declaración de espazo protexido e dar as ferramentas necesarias para comprender os valores culturais e naturais do litoral galego.

O proxecto permite formar á poboación de todas as idades a través de visitas guiadas e diferentes conferencias divulgativas para fomentar a conservación do patrimonio natural, centrándose na problemática do lixo mariño, a emerxencia climática, a protección dos espazos naturais protexidos e a soberanía alimentaria.

O programa inclúe actividades formativas no centro educativo sobre a problemática da emerxencia climática e unha sesión que inclúe un obradoiro sobre a pegada ecolóxica ou unha exposición sobre a materia.

Tamén se engaden outras xornadas sobre os efectos do lixo mariño, con accións como a limpeza de praias ou a actividade ‘crebeirxs’, que consiste en levar á aula material que se pode atopar nunha praia e debater sobre como se pode loitar contra esa problemática.

Por outra banda danse a coñecer os diferentes espazos naturais de valor singular  da provincia como as Fragas do Eume, as Dunas de Corrubedo e as Lagoas de Carregal e Vixán e a Reserva da Biosfera e Terras do Mandeo.

No referido á soberanía alimentaria, realizaranse dúas sesións formativas. A primeira é unha actividade no centro educativo cunha presentación sinxela sobre o concepto e os principais problemas ambientais que xorden dos nosos hábitos e a forma de mudalos; e ao longo da segunda ten lugar unha visita guiada a un produtor asociado á Reserva da Biosfera para coñecer máis a fondo o seu sistema de produción.

A programación inclúe, ademais, a realización de diferentes exposicións itinerantes, ademais de asesoramento e documentación ambiental a través do préstamo de fondos bibliográficos do programa Maletas Viaxeiras e conversas naturalistas.

As Maletas Viaxeiras nacen co obxectivo de dar a coñecer e promover a cultura mariña e os océanos na comunidade educativa, coñecida como ‘cultura oceánica’, así como as actuais problemáticas ambientais que ameazan a súa conservación, como a emerxencia climática ou o liño mariño. Un recurso de apoio ao traballo nas aulas, co fin de fomentar a reflexión e as actitudes e comportamentos positivos cara a conservación dos océanos.

Por último, as conversas naturalistas plantéxanse como un espazo de introdución ao mundo natural a través da experiencia de expertos que, co apoio de libros existentes no centro de documentación ambiental, achegarán ao público asistente a determinadas disciplinas como a ornitoloxía, a botánica ou a micoloxía.