Investigadores da UDC patentan un sistema inovador que permite medir a postura vertebral en tempo real

ACoruñaXa
Investigadores do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM) do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), con sede no Campus Industrial de Ferrol (CIF) da Universidade da Coruña, patentan un sistema non invasivo e de baixo custo capaz de ofrecer información en tempo real da columna vertebral
Os investigadores do equipo de biomecánica do LIM Florian Michaud, Urbano Lugrís e Javier Cuadrado, xunto ao sistema patentado
12 Abr 2024

Nun mundo onde as doenzas da columna vertebral son unha preocupación de saúde cada vez máis común, xorde unha innovación prometedora que podería revolucionar o diagnóstico e tratamento destes trastornos, así como o seguimento da evolución das persoas doentes. O recente desenvolvemento dun sistema non invasivo e de baixo custo para a estimación postural da columna vertebral, patentado por investigadores do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica do CITENI da UDC, representa un avance significativo no campo da biomecánica e a saúde músculoesquelética.

A invención consiste nun sistema que estima as orientacións vertebrais utilizando un modelo multicorpo da columna vertebral e un número reducido de sensores de orientación 3D: ao colocar cinco sensores en cinco vértebras identificadas, estímase a postura da columna ao completo e en tempo real. Isto resulta posible grazas á medición da orientación que ofrecen os sensores e ao algoritmo de estimación desenvolvido polo equipo de biomecánica do LIM.

Ata o de agora, obter información detallada sobre a postura da columna está a resultar custoso, complexo e, en moitos casos, esixe a exposición do paciente a radiacións nocivas. Este novo sistema ofrece unha solución innovadora que proporciona información precisa e segura da postura da columna vertebral en tempo real.

O potencial desta tecnoloxía é amplo, xa que permite o diagnóstico clínico de certas patoloxías como alternativa aos raios X. O obxectivo é fomentar o seu uso en hospitais e centros de saúde, pero tamén en clínicas de fisioterapia e centros de ergonomía, onde a necesidade de dispoñer dunha solución de baixo custo e non invasiva se volve indispensable.

Un estudo clínico no Hospital de Ferrol para testear a súa eficacia

O Servizo de Traumatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) mostrou o seu interese por esta tecnoloxía, especialmente para nenos con escoliose. Entre outras vantaxes, reduciríase a cantidade de radiografías necesarias para realizar o seguimento da súa enfermidade e, en consecuencia, a exposición a radiación X en idades temperás.
Nos próximos meses, e grazas á colaboración do LIM co Nodo de Innovación da Área Sanitaria de Ferrol, dirixido por Javier Quiles, preveuse a realización dun estudo clínico para confirmar a eficacia do sistema mediante imaxes médicas.

A publicación científica de Urbano Lugrís, Florian Michaud e Javier Cuadrado sobre este innovador sistema de estimación postural tamén espertou o interese dun empresario estadounidense. Desde San Diego, o LIM recibiu unha chamada para probar o sistema nun hospital californiano, co propósito de lles proporcionar aos técnicos ortopédicos datos obxectivos que permitisen axustar eficazmente os xustillos de pacientes con escoliose. As probas realizáronse en 2023 e os resultados obtidos resultaron prometedores.

Recentemente, os investigadores do CITENI, en colaboración co enxeñeiro e emprendedor Alejandro Vázquez, crearon a empresa derivada (spin-off) Motion and Force Engineering Solutions (MFES). Esta empresa nace co obxectivo de difundir os avances do LIM e promover a actividade de I+D+i na comarca de Ferrolterra, poñendo un enfoque particular na biomecánica do movemento humano e outras áreas relacionadas das Ciencias da Saúde. Tras patentar este innovador sistema de medición postural, aspiran a lanzalo ao mercado a través da spin-off. Co compromiso de impulsar a innovación local e contribuír ao avance científico na rexión, MFES prepárase para pór esta tecnoloxía avanzada ao alcance de quen máis o necesite.

0.2118079662323