Investigadoras da UDC participan nun estudo sobre a toxicidade e a violencia machista nas redes
Investigadoras da Universidade da Coruña participan nun estudo sobre a toxicidade e as violencias machistas nas redes sociais. A iniciativa xurdiu dun estudo levado a cabo o pasado ano no marco da Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo permitiu coñecer que o 58% do alumnado da UVigo experimentou situacións de acoso a través da rede social Instagram, que só o 17% denunciara.
Esta situación de “normalización das violencias dixitais” levou aos responsables daquel traballo, a profesora da Área de Comunicación Audiovisual e Publicidade da UDC Teresa Piñeiro Otero e o profesor da Facultade de Comunicación da Uvigo Luis Xabier Martínez Rolán, a continuar esta análise nun novo proxecto financiado por esta cátedra, promovida pola Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo. Desta volta, explican, buscaron unha “aproximación cualitativa” a esta problemática, dirixida a “entender as realidades ocultas tras estas actitudes e percepcións”, a través duns grupos de discusión nos que participaron 44 estudantes de diferentes ámbitos, 33 delas mulleres.
O estudo dirixido a “coñecer as experiencias e percepcións de toxicidade e violencia dixital”, permitiu constatar que os estereotipos de xénero “poden ter un impacto profundo na autopercepción e autorrepresentación” do estudantado, así como na forma en que este se comunica e se presenta nas redes sociais.
Coa participación da tamén investigadora da UDC Laura Castro e de Graciela Padilla, Almudena Barrientos e David Caldevilla, da Universidad Complutense de Madrid, o proxecto Toxicidade e violencias machistas nas redes sociais dá continuidade ao desenvolvido na anterior edición da cátedra, que tivo como punto de partida a realización de máis de 600 entrevistas a estudantes dos tres campus da UVigo. “Parecíanos que os datos precisaban de unha aproximación máis profunda para coñecer o por que detrás dalgunhas das respostas”, sinala Piñeiro Otero, e isto levou a promover catro grupos de discusión, “nos que o alumnado foi debullando as diferentes cuestións”. Neste punto, MArtínez Rolán sinala que a análise destas conversas levou a observar “como se producen situacións de normalización, ou incluso de negación, desta violencia”, así como a “preocupante frecuencia” coa que as alumnas tiñan que enfrontar situacións de acoso ou violencia dixital.
O peso dos estereotipos
Un dos obxectivos destes grupos focais foi discutir “como os estereotipos de xénero inflúen na creación e produción de contidos” nas redes sociais, constatándose como estes poden influír “na forma en que os estudantes universitarios se representan a si mesmos” nestas plataformas. Nese senso, as participantes neste estudo puxeron de relevo “a presión” que estes supoñen na súa “autopercepción e autorrepresentación” desde “idades moi temperás” e que poden levar a “sentirse obrigadas a presentarse de maneira que se axuste aos estándares de atractivo e feminidade”.
Tamén, outro dos obxectivos era afondar nas “percepcións e experiencias de acoso e outras formas de violencia dixital”, recollendo unha serie de testemuños que levan ao equipo investigador a pór o foco na “preocupante frecuencia” destes episodios. De feito, a maioría das alumnas participantes manifestaron ter recibido "algunha imaxe sexual non desexada” a través das redes sociais. Por outra banda, as experiencias compartidas nestes grupos levan tamén ao constatar a existencia dunha “conciencia clara” respecto do que implican o acoso e outras formas de violencia dixital, así como “a necesidade de medidas preventivas e reactivas”.
Diferentes percepcións do “control dixital”
Doutra banda, detectaron unha “diversidade de perspectivas e posicionamentos” á hora de abordar o “control dixital dentro dunha relación”, atopándose tanto con estudantes que “cuestionan abertamente a natureza destes comportamentos” como alumnado que “parece aceptar certas formas de control como parte das dinámicas modernas de parella”, o que os leva a pór o no foco na necesidade de medidas educativas “sobre as expectativas saudables e os límites nas relacións”.
Un podcast divulgativo
Co obxectivo de divulgar os resultados deste proxecto, o equipo investigador realizou un podcast cuxos primeiros capítulos, explican os obxectivos do proxecto e o traballo que desenvolveron a través do uso de voces sintéticas e de intelixencia artificial, na liña de traballo do grupo de innovación docente AcademIA. Nos últimos días incorporábase un novo episodio que, preservando o anonimato, recolle algúns dos testemuños do alumnado, e o grupo valora a posibilidade de preparar un novo capítulo con máis extractos das gravacións realizadas.