INTERSECCIÓN explora novas formas de vivir o cinema na Coruña

INTERSECCIÓN – Festival Internacional de Cine da Coruña celebra do 13 ao 17 de outubro a súa novena edición cunha programación que busca achegar ao público novas maneiras de experimentar o audiovisual. Ademais das seccións competitivas e dos focos internacionais, o encontro incorpora propostas que conectan o cinema coa moda, as experiencias inmersivas e a creación inclusiva.
Unha das iniciativas destacadas é Fashion Films, unha sección comisariada por Melania Freire que relaciona a moda e a xoiería contemporánea coa experimentación audiovisual. A sesión reúne traballos de artistas visuais como Ada Taverna, Carla Souto e Jaime Venet, Arbricias e Amanda Lago, que exploran outras posibilidades para representar o deseño e os materiais a través da imaxe en movemento. As obras afástanse dos formatos convencionais e empregan o audiovisual como espazo de expresión artística. A proxección terá lugar o sábado 17 de outubro, ás 19.00 horas, en Cantones Cines.
O festival tamén propón unha aproximación sensorial ao patrimonio cultural coa instalación de realidade virtual Fillos do Vento: A RAPA, de Brais Revaldería, incluída na sección INMERSIVA. A experiencia documental introduce o público na Rapa das Bestas de Sabucedo, en Pontevedra, mediante unha proxección de 270 graos, son ambisónico e deseño sensorial. A proposta, estreada en Cannes, permite achegarse desde dentro a este rito ancestral e reflexionar sobre a conservación dunha tradición e dunha paisaxe ameazadas pola expansión dos parques eólicos.
A instalación poderá visitarse do 13 ao 17 de outubro no Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña (PALEXCO), de 11.00 a 15.00 e de 17.00 a 21.00 horas. Ademais, o sábado 17 haberá unha visita guiada entre as 16.00 e as 18.30 horas.
A dimensión inclusiva da creación audiovisual estará presente en Miradas Diversas, que incorpora Salvar a Firulais, unha videocreación colectiva elaborada durante a última edición do obradoiro inclusivo impartido polo artista David Fidalgo Omil. A obra conta a historia dunha moza que prepara oposicións e dun rapaz desencantado co seu traballo que atopan un punto de unión na súa afección polos karaokes.
O proxecto reivindica o audiovisual como ferramenta para expresarse e crear en común. Conta co apoio da Fundación Emalcsa e coa colaboración de Aspronaga – Asociación Pro Personas con Discapacidad Intelectual de Galicia e Ocio AIND – Asociación para la Integración y Normalización de la Discapacidad.
Estas actividades complementan as seccións competitivas Internacional, Galicia e Fulgor, nas que se poderán descubrir películas procedentes de 29 países. A programación reúne obras de ficción, documental, animación e cinema experimental, con propostas que conectan distintas xeracións de cineastas.
A Sección Internacional ofrece unha panorámica das tendencias actuais do audiovisual en Europa, América, Asia e Oriente Próximo, con máis de 20 estreas en España. Galicia céntrase na produción audiovisual realizada desde o territorio galego, mentres que Fulgor reúne traballos vinculados á experimentación artística e a novas formas de abordar a imaxe.
O programa complétase con dous focos internacionais dedicados á cineasta belga Eva Giolo e a Square Eyes, distribuidora con sede en Viena especializada en cinema de autor. Ambos os espazos permiten afondar en distintas perspectivas da creación e da circulación das obras cinematográficas.
Con proxeccións, encontros con cineastas, instalacións e actividades paralelas, INTERSECCIÓN aposta polas correntes máis libres do cinema de autor e por películas independentes que exploran linguaxes innovadoras. Desde 2023, o festival colabora coa Academia de Cine e é cualificador para os Premios Goya.
Nas edicións anteriores participaron artistas internacionais como Travis Wilkerson, Nelson Carlo de Los Santos Arias, Teddy Williams, Total Refusal, JP Sniadecki, Eva Giolo, Sasha Litvintseva, Beny Wagner, Martín Rejtman, Courtney Stephens, Kevin Jerome Everson, Salomé Lamas, Jorge Jácome, Roee Rosen, Flatform, Ulu Braun, Pauline Curnier, Pauline Julier, Siegfried A. Fruhauf e Iván Argote.
O certame tamén reserva un espazo destacado para o cinema español e galego, con nomes como Dora García, Antoni Muntadas, Laida Lertxundi, Irati Gorostidi, Maider Fernández Iriarte, Ainara Elgoibar, Luis E. Parés, Carla Andrade, María Cañas e Ángel Santos.