Instalado o novo alumeado na parroquia de Orro, en Culleredo
A nova iluminación LED xa brilla en Orro. A actuación de renovación integral da estrada provincial DP-0501, acometida pola Deputación da Coruña, completa así un dos seus últimos detalles coa posta en marcha do alumeado, contribuíndo ao incremento da seguridade viaria.
En total, son 76 novos puntos de luz con tecnoloxía LED, que proporcionan maior luminosidade e fomentan o aforro enerxético. Os postes de luz, curvos e de 12 metros de altura, están situados nos bordos de todo o tramo de actuación, que comprende dende A Garrocha ata Orro.
A parroquia de Orro deixa atrás o seu acceso estreito e con curvas que apenas permitían o paso de dous vehículos para converterse nunha avenida ampla e segura cunha iluminación mellorada. En concreto, a plataforma do vial pasa de 5 a 7 metros de ancho.
Os peóns dispoñen agora dun sendeiro de 2 metros de ancho para camiñar sen o risco que antes supuña invadir a calzada. Ademais, na actuación incluíuse a renovación completa da rede de saneamento por parte do Concello de Culleredo.
Dende o Concello e a Deputación atenderon diversas reclamacións de particulares que se foron resolvendo durante o avance das obras. Outras solicitudes realizaranse nos programas de mantemento das dúas administracións.
Próxima fase
A Deputación destinou un total de 1,9 millóns de euros a esta actuación. O goberno municipal e provincial traballan xa nun novo proxecto para Orro: prolongar as obras de ampliación da DP-0510 ao tramo restante, dende Orro ata Souto. Desta forma, todo o percorrido dende a saída da Terceira Rolda ata o límite con Arteixo contaría con condicións seguras para os usuarios.
Os técnicos municipais e provinciais xa analizaron a actualización do proxecto existente e a súa formulación en dúas fases para favorecer o desenvolvemento das obras.