Iníciase a derradeira fase das obras da Casa Veeduría na Cidade Vella

ACoruñaXa
A remodelación da Casa Veeduría permitirá ampliar as instalacións do centro cívico da Cidade Vella e tamén facilitará a creación dun centro de día, salas de estudo, un auditorio e unha sala de exposicións, entre outros servizos
Imaxe da visita da alcaldesa Inés Rey este mércores á Casa Veeduría,
Imaxe da visita da alcaldesa Inés Rey este mércores á Casa Veeduría,
28 Feb 2024

A alcaldesa, Inés Rey, supervisou este mércores pola mañá os avances nas obras de rehabilitación da Casa Veeduría, onde o Concello afronta xa a terceira e última fase de traballos para restaurar un inmoble de alto valor patrimonial para a cidade, construído no século XVIII e reformado en profundidade nos primeiros anos do século XX.

A remodelación da Casa Veeduría, que comezou no treito final do pasado mandato, permitirá ampliar as instalacións do centro cívico da Cidade Vella e tamén facilitará a creación dun centro de día, unha sala de estudos, un auditorio, unha sala de exposicións e unha zona de xogos para a mocidade. Nas futuras dependencias do inmoble resérvase, ademais, un espazo que acollerá un viveiro de empresas.

“A revitalización do barrio pasa por iniciativas coma esta, coa que recuperamos espazos históricos da Cidade Vella e abrimos as súas portas á cidadanía”, incidiu hoxe Inés Rey. Para completar esta intervención, que se prevé rematar este mesmo ano, o Goberno municipal levará a cabo un investimento de máis de 2,8 millóns de euros.

Xa esta montada a nova escaleira institucional

A rexedora, acompañada hoxe polo concelleiro da Área de Economía e Planificación Urbana, José Manuel Lage, e polo concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, recapitulou en primeira instancia os traballos que se abordaron na primeira e segunda fase do proxecto.

“No treito inicial das obras, os traballos centráronse na demolición e desmonte interior, quizais o menos agradecido a nivel visual. Xa na segunda fase, que comezou a mediados de febreiro de 2023, iniciouse a implantación das instalacións eléctricas, ventilación e calefaccións, traballos previos á reconstrución interior en si”, explicou.

Agora, as obras de rehabilitación da Casa Veeduría entran na terceira fase, a definitiva e previa a reapertura do inmoble como novo equipamento público. “Xa se remataron os traballos de instalación necesarios, asociados aos servizos de saneamento, abastecemento, electricidade, climatización e datos. Ademais, xa se executou o chan de madeira do segundo andar e, por outra banda, xa está montada a nova escaleira, na que restan por instalar os chanzos de terrazo”, detallou a alcaldesa.

Segundo o proxectado, a escaleira institucional recuperará o seu formato orixinal, conectando a planta baixa e o primeiro andar, suprimíndose o treito ao segundo andar. Para chegar ao segundo andar estase a remodelar a escaleira de servicio da Casa Veeduría, que anteriormente comunicaba unicamente a planta baixa e o soto. “Agora comunicará o soto, a planta baixa, o primeiro andar e o segundo”, apuntou esta mañá Francisco Díaz Gallego.

En paralelo, avanzan a execución da restauración das carpintarías de madeira, a tabicaría interior e tamén a instalación do chan de terrazo do soto. “Imos paso a paso para acadar o obxectivo marcado desde o inicio: restaurar e aproveitar o máximo posible a configuración orixinal do edificio para a posta en valor dos elementos xa existentes e, á vez, modernizar o inmoble para gañar novas dependencias e instalacións municipais que serán de máxima utilidade para as veciñas e veciños”, indicou a rexedora.

0.10547780990601