Inícianse as obras de mellora do carril bici en Someso que conectarán co campus de Elviña

ACoruñaXa
O Concello iniciou este luns os traballos de demolición no pavimento do antigo treito ciclista lindeiro ao centro comercial Espacio Coruña, un percorrido que será renovado de forma integral
Os operarios comezaron a traballar este luns no sector lindeiro ao centro comercial Espacio Coruña
18 Mar 2024

O Concello da Coruña inicio este luns as obras de remodelación do treito de carril bici existente no barrio de Someso, co obxectivo de mellorar e ampliar esta infraestrutura para conectala coa rede ciclable que chega ao sector leste do campus universitario de Elviña.

Os traballos centraranse en dar continuidade ao treito de carril bici da avenida da Universidade, construído e habilitado a mediados do ano pasado. Desta forma, está previsto ampliar o percorrido actual bordeando o CIFP de Imaxe e Son, a rotonda da propia avenida e a glorieta da rúa José Pascual López Cortón, conectando este novo treito de carril bici cun xa existente, mais infrautilizado ata a actualidade: o que transcorre en paralelo ás ramplas de acceso e saída do aparcadoiro do centro comercial Espacio Coruña.

É precisamente neste treito onde hoxe deron comezo os traballos, coa demolición do antigo pavimento, deteriorado polo paso do tempo. Coa súa próxima renovación, o Concello adaptará e mellorará este percorrido dándolle unha sintonía coa estética xeral da rede ciclable da cidade, na que predomina o pavimento diferenciado en cor granate, para facilitar a distinción das persoas usuarias con respecto ás zonas de paso das e dos ciclistas. Neste sentido, cómpre lembrar que o Concello tamén acometerá as tarefas de pintura necesarias para a sinalización horizontal dos puntos nos que haxa pasos de preferencia peonil.

A intervención forma parte dos compromisos adquiridos polo Goberno de Inés Rey coa veciñanza do barrio de Someso. A folla de ruta para mellorar os espazos públicos do distrito tamén supuxo, meses atrás, a creación da primeira estación de BiciCoruña na propia avenida da Universidade, fronte ao recinto ferial ExpoCoruña.

0.19628381729126