Inician o trámite en Culleredo para permitir usos deportivos e recreativos nos polígonos industriais
O Concello de Culleredo deu comezo ao proceso para modificar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e ampliar os posibles usos das naves industriais nos seus polígonos. A modificación puntual permitirá incorporar actividades deportivas e recreativas, co obxectivo de fomentar o desenvolvemento económico do municipio e dar resposta ao interese amosado por particulares e empresas na implantación deste tipo de negocios.
A normativa actual non prevé o uso exclusivo destas instalacións para actividades recreativas ou deportivas, polo que é necesaria unha modificación urbanística. Con esta iniciativa, Culleredo busca adaptarse á realidade económica e social actual, na que os espazos para actividades deportivas e de lecer gañan demanda. Ademais, a Xunta de Galicia anunciou que a súa lei de acompañamento aos orzamentos de 2025 incluirá unha reforma na Lei do Solo que permitirá simplificar certos cambios no planeamento sen aumentar a edificabilidade, o que podería acelerar os prazos para implementar esta modificación.
Deste xeito, a concelleira de Economía, Facenda e Urbanismo, Marta Iglesias, xa solicitou aos servizos técnicos municipais a apertura dun expediente para reunir os informes xurídicos necesarios e avanzar nesta iniciativa. A edil subliña que esta ampliación de usos é “lóxica e necesaria” e permitirá crear novas oportunidades para empresas e emprendedores en Culleredo.