Inés Rey sinala que o "estadio de Riazor é dos coruñeses e seguirá a ser"

ACoruñaXa
A alcaldesa fixo hoxe unha declaración institucional en María Pita: “O estadio de Riazor é dos coruñeses e seguirá a ser. O Dépor nunca pagou e nunca pagará polo uso deportivo do estadio”
Imaxe da alcaldesa a Coruña esta mañá durante a rolda de prensa celebrada en María Pita
14 May 2024

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, ofreceu esta mañá unha declaración pública “tras a falta de respecto institucional ao Goberno municipal, á corporación, á afección deportivista e a toda a cidadanía do accionista maioritario do Real Club Deportivo”, que impediu no día de onte que os xogadores, equipo técnico e demais membros do club que acadou o ascenso a Segunda División o domingo levaran a cabo a tradicional recepción institucional no Palacio Municipal de María Pita.

“Lamento profundamente a decisión de ABANCA de impedir unha tradición histórica como a de celebrar un ascenso na praza de María Pita. É unha desconsideración á cidade e á historia do club”, sinalou a alcaldesa, que quixo facer fincapé en que “o futuro do Dépor non está en cuestión, está garantido e así será mentras eu sexa alcaldesa”. “É unha falta de respecto aos xogadores, ao corpo técnico, pero sobre todo á afección e aos coruñeses e coruñesas”, indicou Rey, reiterando que “a cidade merecía devolverlles todo o cariño e ilusión que nos regalaron este ano”.

A edil recordou que hai un ano o accionista maioritario tamén tratou de utilizar ao deportivismo para poñelo “ao servizo de intereses particulares”. “Este luns negaron á Coruña a repetición dunha imaxe histórica da cidade. Riazor, Catro Camiños e María Pita son símbolos dos triunfos do deportivismo. Pesará sobre a súa conciencia”, apuntou Rey.

Inés Rey incidiu na necesidade de que o accionista maioritario do club respecte os seus 116 anos de historia. “Se algo quedou claro estes catro anos de sufrimento deportivo é que o amor desta cidade polo seu club non se compra nin se vende, e quen trata ese amor, ese sentimento, igual que un activo financeiro, é alguén que non entendeu que é ser do Dépor. O deportivismo non está en venda, non pode ser moeda de cambio para facer caixa”, dixo Inés Rey.

O Real Club Deportivo non vai a pagar polo uso deportivo de Riazor

Inés Rey confirmou durante a súa declaración institucional que o Real Club Deportivo “nunca pagou e nunca pagará” polo uso deportivo do estadio municipal de Riazor. “O convenio sigue vixente e a miña intención, que permanece intacta, é a de adiantar a súa firma a este ano”, sinalou a alcaldesa.
O Concello, ademais, remitiu hoxe a certificación que solicita o accionista maioritario do club para xogar na liga profesional. Trátase dunha licenza de actividade para a realización de eventos deportivos. “A participación do Dépor no fútbol profesional non está ameazada.”, sinalou a alcaldesa.

A rexedora invitou á directiva do Real Club Deportivo a asistir a María Pita e asinar o novo convenio para a cesión gratuíta do estadio municipal para o seu uso exclusivamente deportivo. “Unha cousa é o Deportivo e outra é ABANCA. Unha cousa é o uso do estadio polo club e outra é a súa explotación comercial por parte dun banco. E o que non vou a facer, nin eu nin creo que ninguén da corporación nin da cidade, é regalar un estadio que é de todos a un banco”, sinalou a rexedora, que recordou que o estadio “é de todos os coruñeses e coruñesas” e que non se lle pode dar, como pide o accionista maioritario, a explotación comercial dun ben público de tal relevo a unha entidade privada.

A alcaldesa tendeu a man á directiva para reconducir a situación tras a falta de respecto institucional do día de onte. “Desde o Concello estivemos e saberemos estar á altura e, polo tanto, a miña man está tendida e disposta a traballar a favor do mellor para o club, porque será o mellor para a cidade”, sinalou Rey.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17338919639587