Inés Rey e o ministro Escrivá formalizan o acordo para establecer a AESIA no edificio da Terraza
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o ministro de Transformación Dixital e Función Pública, Jose Luis Escrivá, asinaron na tarde de onte o convenio entre o Concello e o Ministerio para a posta en marcha da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial no edificio histórico da Terraza, sede física do organismo estatal. "Hoxe formalizamos un paso máis para o desenvolvemento da AESIA, a primeira axencia estatal da IA en España e Europa, consolidando o posicionamento da Coruña como líder en materia TIC e innovación tecnolóxica" sinalou a alcaldesa.
Durante a firma, Rey lembrou que un dos requisitos da candidatura era ofrecer un espazo céntrico para albergar a sede. "Desde o Concello pensamos que A Terraza era o mellor espazo para iso por localización, historia, identificación coa identidade modernista da cidade e potencialidades como espazo" explicou. A través do convenio interadministrativo asinado, o Concello da Coruña cederá o edificio de xeito gratuíto para a instalación do persoal técnico e directivo da AESIA, garantindo a súa posta en funcionamento.
Trátase dunha concesión demanial e temporal para o que se establece un prazo transitorio de 12 meses, de forma que a Axencia poida ir ocupando os espazos que considere necesarios en coordinación co traslado dos servizos de RTVE do edificio. Ademais, de ser necesario, o Concello podería poñer á disposición da AESIA outros espazos públicos durante o período transitorio para garantir a posta en marcha da sede. De acordo co texto asinado, crearase unha Comisión de Seguimento paritaria formada por ambas as institucións que terá unha vixencia de catro anos prorrogables.
O convenio tamén recolle outros compromisos adquiridos para a consecución da sede como a creación dunha oficina municipal de benvida ou a subscrición dun convenio nominativo anual, por parte do Concello, a favor da AESIA no que se recolla o importe necesario para atender os incentivos dos empregados públicos da sede. Rey explicou que nos vixentes Orzamentos Municipais, en vigor desde o 1 de xaneiro, xa figura esa previsión económica no anexo de convenios nominativos. "Anticipámonos así aos trámites necesarios para a posta en marcha da AESIA" sinalou.
A rexedora agradeceulle ao ministro de Transformación Dixital e Función Pública a boa disposición para avanzar no inicio da actividade da sede na Coruña. "Un organismo novo e que por iso esixe dun proceso amplo de procesos e trámites pero que grazas a esa colaboración entre Goberno e Concello fomos quen de avanzar para que sexa unha realidade" sinalou a alcaldesa.
Deulle tamén a benvida ao director da AESIA, Ignasi Belda, á cidade. "Sei que coa túa formación como enxeñeiro, experiencia en investigación e ampla bagaxe dirixindo equipos desde a empresa privada ou de entidades públicas como o Parc Científic de Barcelona, esta axencia axudaranos a seguir consolidando a posición da Coruña en materia tecnolóxica" engadiu.
No acto tamén estiveron presentes a Secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, Mayte Ledo e o Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras.