Inés Rey e Darias crearán un grupo que tratará cuestións comúns entre A Coruña e As Palmas

ACoruñaXa
Durante a reunión abordaron retos de futuro para ambas as urbes en materia de vivenda, cultura e modernización
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey e a alcaldesa de As Palmas de Gran Canaria, Carolina Darias
9 Abr 2024

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, creará xunto á alcaldesa de Las Palmas de Gran Canaria, Carolina Darias, un grupo de traballo que terá como obxectivo tratar cuestións comúns para ambas cidades.

Así o anunciaron ambas rexedoras este luns durante unha visita da coruñesa á illa canaria. Rey e Darias sinalaron a vivenda como unha cuestión prioritaria para ambos gobernos, xunto coa modernización e a política cultural e anunciaron a creación dun grupo de traballo para seguir consolidando as relacións.

Rey puxo en valor o grupo de traballo conxunto que compartirán os gobernos municipais da Coruña e Las Palmas de Gran Canaria, "que temos retos de futuro en común, sendo dúas cidades semellantes. Temos as mesmas preocupacións e ofrecemos solucións, sentindo o respaldo do Goberno de España a través dos fondos europeos que chegaron aos concellos para seguir avanzando de forma integral no futuro das nosas cidades".

Darias, que insistiu no compromiso dos dous concellos para garantir melloras no referente ao acceso a vivenda da cidadanía, destacou tamén a aposta de ámbalas cidades pola dinamización económica e laboral asociada ao sector tecnolóxico, destacando que "A Coruña es puntera en digitalización y modernización, y Las Palmas de Gran Canaria también, con la estrategia LPA Inteligencia Azul".

En canto á vivenda, o Goberno de Inés Rey anunciou o pasado mes de decembro a posta en marcha do Plan Municipal de Vivenda 2024-2030 co obxectivo de impulsar a creación de ao redor de 4.000 vivendas nese tempo, recollendo un total de 13,22 millóns de euros para diferentes actuacións en materia de vivenda nos presentes orzamentos municipais.

Na mesma liña, Carolina Darias destacou a construción de 1.000 vivendas en réxime de alugueiro (tanto social como a prezo alcanzable), das que 500 xa teñen chan e financiamento.

Ademais, ambos gobernos apostan pola rehabilitación, no que A Coruña dispón dun programa de axudas para rehabilitación e accesibilidade con 2 millóns de euros, 1 en cada unha das liñas; e 8 proxectos en marcha de urbanización e rehabilitación de Contornas Residenciais de Rehabilitación Programada (ERRP), por valor de 5,87 millóns de euros.

Darias e Rey afondaron no vínculo cultural entre A Coruña e Las Palmas de Gran Canaria, cidades natais de Emilia Pardo Bazán e Benito Pérez Galdós, expoñentes do naturalismo en España. Tamén abordaron a promoción da música co apoio ás Orquestras Sinfónicas, compartido en ambas cidades.

Ademais, o audiovisual coruñés aposta pola realización de filmes con Las Palmas de Gran Canaria como escenario xunto con outras illas do arquipélago como El Hierro.

0.14664912223816