Inés Rey destaca o orgullo coruñés no acto das Medallas da Batalla de Elviña
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu este venres no salón de sesións do Palacio Municipal de María Pita o acto de entrega das Medallas da Batalla de Elviña, organizado pola Asociación Histórico Cultural Royal Green Jackets coa colaboración do Concello. Na súa intervención, Rey destacou o orgullo da cidade polo seu papel na historia mundial e a importancia de preservar e difundir a súa memoria.
“Na Coruña somos moi dados a defender, relatar e difundir os nosos feitos históricos, é verdade. Chámase orgullo polo propio, por pertencer a unha cidade situada desde hai séculos no centro das memorias mundiais”, afirmou a rexedora durante o acto, no que participaron colectivos locais e premiados de edicións anteriores.
Nesta ocasión, os recoñecementos recaeron en tres figuras destacadas pola súa contribución á cidade. O Real Club Náutico, representado polo seu presidente Fernando Cobián, foi homenaxeado polo seu papel no desenvolvemento deportivo e cultural da Coruña. Tamén foi condecorado o escritor e investigador José Manuel Fernández Caamaño, cuxa obra preserva a historia local. Finalmente, a xornalista e presidenta da Asociación da Prensa da Coruña, Doda Vázquez Iglesias, foi recoñecida pola súa traxectoria e defensa da comunicación na cidade.
A alcaldesa eloxiou o compromiso e talento dos galardoados: “Estamos hoxe ante unha nova mostra de talento coruñés e de amor por unha cidade que segue escribindo páxinas doces da súa historia”. Ademais, destacou o traballo da Asociación Royal Green Jackets como gardián da memoria histórica e impulsor de eventos culturais.
As Medallas da Batalla de Elviña, entregadas anualmente, simbolizan a importancia de recoñecer a contribución de persoas e entidades que axudan a construír a identidade e historia da Coruña, cidade que Inés Rey cualificou como un faro no panorama histórico e cultural mundial.