Inaugurada a XVI Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo no mercado de San Agustín

ACoruñaXa
A mostra dos 55 proxectos premiados estará dispoñible para a cidadanía no segundo andar do mercado de San Agustín a partir deste xoves, 2 de maio
Imaxe de Inés Rey na presentación da Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo
1 Maio 2024

Onte, martes 30 de abril, inagurouse na Coruña a XVI Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo, que estará aberta á cidadanía entre o xoves 2 de maio e o sábado 1 de xuño no andar superior do mercado municipal de San Agustín. A cidade acolle por primeira vez este evento de gran relevancia nacional a través do seu ciclo de itinerancias, tras pasar por Sevilla e Zaragoza.

O acto de presentación estivo presidido pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey que sinalou durante a súa intevención:“A Coruña é e sempre foi unha cidade vangardista en sectores como o arquitectónico, contando con símbolos e edificios de gran valor, así como profesionais de primeiro nivel”. Ademais, aproveitou para destacar o simbolismo de ter escollido o mercado municipal como espazo para a celebración desta Bienal.

O edificio do mercado de San Agustín, proxectado por Santiago Rey Pedreira e Antonio Tenreiro nos anos trinta, serve como exemplo do que supón a recuperación e modernización arquitectónica dos espazos públicos para o uso e gozo das veciñas e veciños. Tamén lembrou Inés Rey os traballos de reurbanización dos exteriores do mercado, mellorando así a súa accesibilidade, entre outros aspectos. Esta actuación está nomeada ao Premio Arquitectura 2024.

A Bienal, unha iniciativa do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana (MIVAU) en colaboración co Consello Superior de Arquitectos de España (CSCAE) e a Fundación Arquia, conta co apoio do Concello da Coruña, que facilitou a cesión do espazo no andar superior do mercado municipal de San Agustín para habilitar a mostra ‘Me–dio Pla–zo’, un concepto que incide no impacto positivo da arquitectura á hora de reverter os efectos da actividade humana sobre o ecosistema, cunha perspectiva de longo alcance. A exposición da XVI BEAU visibilizará un total de 55 traballos: 20 na categoría de ‘Obras’, outros 10 da categoría ‘Investigación y Difusión’ e 25 correspondentes a proxectos de fin de carreira. A mostra está comisariada polos arquitectos María González García, Juan José López de la Cruz e Ángel Martínez García-Posada.

Inés Rey destacou o impulso didáctico que o seu goberno municipal está dando ao sector urbanístico con iniciativas como a Semana da Arquitectura, que botou a andar no ano 2020 e celebra a transformación arquitectónica dos distintos barrios e aos grandes profesionais da cidade. Xunto a Rey tamén interviron no acto de apertura Ruth Vareña Rodríguez, presidenta da Demarcación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia; Luciano González Alfaya, decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia conselleiro do Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España; e Álvaro Fernández-Iruegas Pombo, da Dirección General de Agenda Urbana y Arquitectura do Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana.

A ETSAC e profesionais galegos da arquitectura, implicados na Bienal

A programación de actividades complementaria á mostra inclúe, por exemplo, a programación da xornada ‘Horizontes de la arquitectura española a medio plazo. La construcción de lo local’, que contará cunha conferencia do arquitecto Javier Ros, participante na XVI BEAU con catro proxectos en materia de vivenda e rehabilitación en Gavà, Sant Gervasi de Barcelona, Granollers e Esplugues de Llobregat (Cataluña).

Será o xoves 16 de maio (18.30 horas), nun acto que terá continuidade coa posta en marcha dunha mesa de debate na que cobrarán protagonismo profesionais galegos da arquitectura, así como tamén estudios, que foron premiados na Bienal: Ruth Varela, Fuertes Penedo Arquitectos, Creus e Carrasco + RVR e Nuria Prieto.

Ademais, na Bienal tamén se implicará o alumnado da Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSAC) da Universidade da Coruña, que presentará unha exposición que recollerá especificamente as iniciativas premiadas na Bienal na categoría de proxectos de fin de carreira. A mostra estará habilitada no vestíbulo da ETSAC entre o 30 de abril e o 1 de xuño.

0.15842914581299