Inaugurada a nova pasarela peonil que une Pedralonga con Palavea
A Pasarela entre as zonas de Pedralonga e Palavea xa é unha realidade para os coruñeses. A creación desta nova pasarela vai supor unha importante mellora para os veciños da zona na permeabilidade peonil da avenida de Alfonso Molina entre os barrios de Palavea, Pedralonga e Eirís, mellorando a seguridade viaria para os peóns. Ademais, vai permitir eliminar os anteriores roteiros peonís no enlace entre a N-550 e a avenida de Alfonso Molina (AC-11).
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, visitaron este venres a nova pasarela de Pedralonga, na Coruña, que cruza a avenida Alfonso Molina á altura do punto quilométrico 3+550. No acto, estiveron acompañados pola subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, o concelleiro de Planificación Urbana, José Manuel Lage, e veciños e veciñas da zona.
Trátase da primeira obra rematada das tres que están programadas polo Ministerio de Transportes para a mellora da avenida de Alfonso Molina, que inclúen a remodelación da avenida Alfonso Molina, cuxas obras xa están en execución, cos traballos previos de identificación de servizos afectados e replanteos topográficos e que conta cun orzamento de 18,31 millóns de euros; a integración ambiental da avenida (4,4 millóns de euros) e a devandita pasarela de Pedralonga (1,4 millóns de euros).
A actuación está incluída no programa para a modernización de máis de 80 túneles, na protección de usuarios vulnerables e da fauna e o fomento da sustentabilidade, a eficiencia enerxética e a redución do ruído na Rede de Estradas do Estado, financiado con 659 millóns de euros do Plan de Recuperación. É, ademais, a primeira obra que se iniciou en Galicia financiada con cargo aos fondos do Plan de Recuperación.
O novo itinerario peonil que inclúe a nova pasarela iníciase (de Norte a Sur) na beirarrúa peonil anexa á Fábrica de Armas, cunha rampla de formigón de 3 m de ancho libre para os peóns e unha rampla lonxitudinal máxima do 6 %, cumprindo coas condicións de cómoda accesibilidade. A continuación, cruza a AC-11 cun tramo de estrutura metálica do mesmo ancho e 52 metros de lonxitude, sen apoios intermedios, cunha pendente do 2%.
Co fin de evitar as conducións de abastecemento de auga existentes, continúa con outro tramo, tamén en estrutura metálica, de 56 metros de lonxitude e 6% de pendente. Finalmente, o itinerario remata cunha nova rampla de formigón (a carón do centro comercial) cunha pendente do 6%. A actuación tamén contempla a urbanización de vías e beirarrúas e a reposición dos servizos afectados. Os traballos restantes para completar e cancelar os actuais itinerarios peonís rematarán este mes de febreiro.
Á marxe das citadas actuacións de mellora da avenida Alfonso Molina, o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible puxo en servizo o pasado mes de decembro o paso inferior do novo enlace da autovía AC-12, no punto quilométrico 5.200, ao seu paso polo núcleo de Perillo (Oleiros). Actuación, de máis de 10 millóns de euros de investimento e coa que hoxe se beneficia ao importante tráfico rodado de 50.000 vehículos diarios e ao centro de Perillo (Oleiros), pola gran redución dos impactos acústicos e a gran mellora dos itinerarios peonís e os propios pasos de peóns que se realizan a distintos niveis.