Impulsan un bosque urbano en Bens con máis de 3.000 árbores autóctonas

O Concello da Coruña e a consultora medioambiental Galnus levarán a cabo a creación dun bosque urbano no parque de Bens, un proxecto pioneiro que contempla a plantación de máis de 3.000 árbores autóctonas nunha superficie de case 430.000 metros cadrados.
O acordo de colaboración foi asinado esta mañá pola concelleira de Medio Ambiente, Noemí Díaz, e o representante de Galnus, Alejandro Álvarez Hurtado. O convenio terá unha duración inicial de cinco anos, prorrogable por outros cinco, e establece as accións necesarias para reverdecer a contorna con ata vinte especies de árbores seleccionadas pola súa resistencia ao clima local e ás condicións do solo.
Durante o acto, Díaz destacou a importancia da colaboración público-privada para levar a cabo esta iniciativa, que permitirá transformar o parque de Bens nun novo pulmón verde para a cidade. “Este proxecto encaixa perfectamente no obxectivo de recuperar espazos naturais como o parque de Bens, que décadas atrás funcionaba como vertedoiro”, sinalou. Tamén destacou que esta intervención responde á folla de ruta municipal na loita contra o cambio climático.
O financiamento da plantación correrá a cargo da empresa Igalia, cliente de Galnus, sen custo algún para as arcas municipais. Pola súa banda, o Concello asumirá o mantemento do novo arboredo. As zonas de intervención abranguen dúas parcelas: unha situada ao oeste, por onde discorren os principais percorridos peonís do parque, e outra ao leste, lindeira co miradoiro de Bens e co camiño que conecta Visma coa Gramela.