Impulsan o "Ano Castelao 2025" en Betanzos para honrar o 75º cabodano do rianxeiro
O Concello de Betanzos dedicará o ano 2025 á figura de Afonso Daniel Rodríguez Castelao tras a aprobación por unanimidade dunha iniciativa plenaria presentada polo BNG. A proposta busca conmemorar os 75 anos do falecemento do escritor, debuxante e político de Rianxo, que tivo lugar o 7 de xaneiro de 1950.
A voceira do BNG en Betanzos, Amelia Sánchez, salientou a necesidade de que o Concello elabore unha programación propia, independentemente dos actos organizados por outras institucións. "Non en van, a nosa biblioteca municipal leva o nome de Castelao, polo que Betanzos debe liderar esta conmemoración cun programa que reflicta a súa relevancia cultural e histórica", afirmou.
A programación, segundo Sánchez, debería incluír actividades literarias, teatrais, plásticas e mesmo de investigación lingüística e política, involucrando ao tecido asociativo de Betanzos e da comarca das Mariñas. Ademais, propón dar un papel destacado á Biblioteca Municipal Castelao e ao Museo das Mariñas.
As nacionalistas lembraron que Castelao foi nomeado Primeiro Presidente de Galiza polo Parlamento galego en 2024, recoñecendo a súa presidencia no Consello de Galiza, o goberno galego no exilio constituído en Montevideo en 1944. "O 'Ano Castelao' será unha oportunidade para honrar a súa figura e reforzar a memoria colectiva galega", concluíu Sánchez.