Impulsan a dixitalización dos pequenos concellos da provincia da Coruña

ACoruñaXa
Un convenio da Deputación da Coruña asinado con 66 concellos permitirá mellorar a eficiencia administrativa e reducir custos en localidades de menos de 20.000 habitantes
Dipuatción Coruña tecnoloxía Concellos
11 Nov 2024

A Deputación da Coruña deu un novo impulso á transformación dixital dos concellos da provincia. O presidente, Valentín González Formoso, asinou esta mañá no emblemático Pazo de Mariñán un convenio de colaboración con 66 concellos de menos de 20.000 habitantes, un paso fundamental para achegar as ferramentas da administración electrónica a todas as localidades da provincia, independentemente do seu tamaño.

Este convenio, cunha vixencia inicial de catro anos prorrogables por outros catro, responde á necesidade de modernizar as administracións locais e mellorar os principios de eficiencia e transparencia. A iniciativa permitirá axilizar os tempos de resposta á cidadanía, aforrar custos tanto a cidadáns como a empresas, e dotar cada concello de infraestruturas dixitais seguras e accesibles. Formoso subliñou a importancia de que “ningún municipio quede atrás neste proceso de dixitalización,” destacando o impacto positivo da tecnoloxía na mellora da calidade dos servizos públicos e na redución da carga burocrática.

O convenio contempla a creación de sedes electrónicas en cada municipio, que estarán interconectadas coa plataforma integral de servizos dixitais da Deputación da Coruña. Isto permitirá a tramitación en liña de numerosos procedementos, reducindo a necesidade de desprazamentos e facilitando o acceso á administración desde calquera lugar e en calquera momento. Ademais, ofrecerase un amplo catálogo de solucións tecnolóxicas, tales como plataformas de xestión dixital e sistemas de soporte, destinados tanto ao persoal dos concellos como á cidadanía.

Desde 2019, a Deputación investiu máis de 16 millóns de euros no proxecto Concello Dixital, unha plataforma que modernizou os procesos administrativos e mellorou a interoperabilidade entre os servizos dixitais dos concellos e a Deputación. Grazas a este esforzo, o tempo de resposta en trámites administrativos reduciuse nun 25% e a resolución de expedientes nun 40%, o que contribuíu ao que o presidente cualificou como unha “auténtica revolución burocrática.” En total, preto de 500.000 habitantes beneficiáronse xa destas melloras nos servizos dixitais.

Este avance en dixitalización non só representa un beneficio económico para os concellos, senón que tamén supuxo, segundo estimacións da Deputación, un aforro para as arcas públicas de preto de 20 millóns de euros en 2024. Ademais, a institución está implementando un Plan de Ciberseguridade para protexer tanto á Deputación como aos sistemas dos municipios adheridos, reforzando a confianza na administración dixital e garantindo un acceso seguro e eficiente para os usuarios.

A Deputación tamén puxo en marcha outros proxectos de apoio, como a Oficina do Dato, a Oficina de Accesibilidade e Servizos Dixitais, e o proxecto Acelera Pyme, destinado a reducir a fenda dixital e a fomentar o acceso á tecnoloxía nas zonas rurais, axudando a pequenas empresas e autónomos a adaptarse ao novo entorno dixital.

Por último, os concellos adheridos ao convenio son Abegondo, Aranga, Arzúa, A Baña, Bergondo, Betanzos, Boimorto, Boqueixón, Brión, Cabana, Camariñas, Cariño, Carnota, Carral, Cedeira, Cee, Cerceda, Coirós, Corcubión, Curtis, Dodro, Dumbría, Fene, Fisterra, Frades, Irixoa, A Laracha, Laxe, Malpica, Mañón, Melide, Mesía, Miño, Monfero, Muros, Muxía, Neda, Negreira, Ordes, Oroso, Paderne, Padrón, Ponteceso, Pontedeume, As Pontes, Rianxo, Sada, Santa Comba, Sobrado, Toques, Tordoia, Touro, Val do Dubra, Valdoviño, Vedra, Vilarmaior, Vilasantar, Vimianzo e Zas.

 

0.1660270690918