Homenaxe ao maxistrado do TSXG Benigno López González con motivo da súa xubilación

ACoruñaXa
Ao longo da súa traxectoria profesional, Benigno López, exerceu como xuíz en diversos órganos e como valedor do pobo, entre 2007 e 2012
Homenaje a Benigno López González
16 Feb 2024

Un centenar de persoas renderon hoxe homenaxe este venres na Coruña, con motivo da súa xubilación, ao maxistrado da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) Benigno López González, quen exerceu como valedor do pobo entre 2007 e 2012. O encontro, ao que asistiron amigos e compañeiros do homenaxeado, así como diversas autoridades, celebrouse no hotel NH Collection Finisterre.

Durante a súa intervención, o presidente do TSXG, José María Gómez y Díaz-Castroverde, asegurou que López González é “un xuíz vocacional que gozou co seu traballo”, á vez que destacou que dedicou “toda a súa vida ao dereito e aos demais”. Ademais, anunciou que, en recoñecemento á súa traxectoria, o pleno da Sala de Goberno solicitará ao Ministerio de Xustiza que lle conceda a Cruz de San Raimundo de Peñafort.

Nacido na Coruña en 1952, Benigno López González licenciouse en Dereito en 1974 pola Universidade de Santiago de Compostela. En 1980 tomou posesión do seu primeiro destino como xuíz: o Xulgado Único de Corcubión, tras o cal exerceu no Xulgado Único de Carballo, no Xulgado de Instrución número 5 de Bilbao, no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Ourense e no Xulgado de Vixilancia Penal Único de Galicia.

O 31 de outubro de 1988 incorporouse como maxistrado da Audiencia Territorial da Coruña e, en 1989, tomou posesión como maxistrado da sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña, cargo no que permaneceu ata decembro de 1995, cando foi nomeado maxistrado da sección primeira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, sección da que formará parte ata a súa xubilación, o próximo 22 de febreiro.

0.18729281425476